Unha gala presentará dúas curtametraxes homenaxe a Florencio D. Gurriarán
Os traballos de curtametraxe dos productores e directores de cinema Xabier Castro e Olaya Rodríguez, da productora Sintelobos, e de Domingo Díaz, de SocialDocs, en homenaxe ó poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurrirán, serán presentados nunha Gala de Cinema que terá lugar este venres día 11 de xaneiro no Teatro Lauro Olmo de O Barco, a partires das 21:00 horas.
Sintelobos recollía o testigo da proposta lanzada por As Letras de Florencio e recopilaba, durante as xornadas Coñece a Valdeorras, coñece a Florencio, cámara en man, as testemuñas de tódolos veciños que quixeron achegar alguna historia sobre o poeta. «Sabemos que aínda quedan moitas historias agochadas na memoria dos valdeorreses, polo que desexamos que ésta sexa só a primeira parte dun proxecto que nos leve a recompilar moitas historias máis do noso pasado» explicaba o alcalde do Barco, Alfredo García. «No traballo cinematográfico» adiantou, «aparecen, entre outros, Victor Freixanes, Lucio Delgado, Camilo Valdehorras, Anxo Rei, Chus, Luis Manuel Gurriarán, Ricardo Gurriarán, Paco Campos, Josefa Álvarez Quiroga».
Pola súa banda, o productor e director petinés Domingo Díaz, de SocialDocs, «quixo preparar esta videohomenaxe a Florencio, que está centrada no primeiro poema publicado de Florencio, Castiñeiro Morto», explicó Débora Álvarez, responsable do proxecto de Florencio. Nesta ocasión, no video homenaxe «como lle gusta chamalo a Domingo» o director de cine xunto co seu compañeiro cineasta Manolo Gómez, nos traen a rapazas e rapaces dos institutos da comarca que quixeron participar, ademáis de contar coa participación dos actores galegos, Paco Campos e Lucía da Lama».
A Gala será tamén un espazo para a memoria de actividades que se puxeron en marcha coma son os obradoiros para nenos de secundaria impartidos no Barco e na Rúa por Domingo Díaz e Manolo Gómez. «Os rapaces tiveron así coñecemento da linguaxe cinematográfica e a historia do cinema e desta forma puideron participar nun concurso de microvídeos; este venres o concurso resolverá os tres primeiros seleccionados e elexirase o microvídeo que acompañará a producción do video homenaxe de Domingo Díaz» explicou Luis Fernández Gudiña, alcalde da Rúa. En total, participaron no concurso 36 alumnos do concello do Barco e da Rúa e de Tomiño, localidade que tamén quixo participar no concurso.
Aurelio Blanco Trincado encargouse de desvelar o presentador «de luxo» da gala, «o premio ao mellor comunicador da televisión dos Premios Mestre Mateo do ano 2007/2008 por Historias de Galicia, José Barato». Por último Rique Barreiro, alcalde de Vilamartín, recordou que na gala tamén se presentará a antoloxía Vide, paixase, fala, «que xa fora editada polos veciños de Córgomo no 2002 e que este ano quixemos renovar e engadir os textos dos finalistas no primeiro premio de poesía Florencio Delgado Gurriarán».