Pazolandia regresa este Nadal con prezos conxelados e moita diversión

Foto de: pazolandia.es
O parque de atraccións abrirá do 26 de decembro ao 4 de xaneiro cun custo de 5 euros por entrada xeral e 4 euros para grupos organizados

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou hoxe os prezos públicos para a edición 2024-2025 de Pazolandia, o tradicional parque de atraccións do Nadal na provincia. O evento celebrarase do 26 de decembro de 2024 ao 4 de xaneiro de 2025. As tarifas serán as mesmas que en anos anteriores: 5 euros para as entradas xerais e 4 euros para os grupos organizados por concellos e asociacións da provincia.

Ademais, tamén quedaron definidos os prezos públicos das obras incluídas no Plan de Publicacións 2024. Este plan engloba libros destacados como Historia Completa de Manuel Lage Barreiros, en colaboración coa Fundación Jorge Jove; Demografía, familia y reproducción social en tierras de Celanova durante el Antiguo Régimen, de Delfina Rodríguez Fernández; La arquitectura del Renacimiento en Ourense. Imagen Urbana, de Yolanda Barriocanal López; Arames e fíos, de Rochi Novoa Vázquez; e a obra Guías do Patrimonio. Castromao, Celanova, editada co Grupo Marcelo Macías.

En canto a cooperación municipal, a Deputación aprobou un investimento de 108.000 euros en proxectos para dous municipios da provincia. Destínanse 48.000 euros para reparar o firme e unha travesía, e 60.000 euros para a instalación dunha depuradora e conexión á rede de saneamento en varias localidades.