O conselleiro de Sanidade salienta que a Lei de Saúde supuxo unha mellora no HCV

Jesús Vázquez Almuiña fixo esta afirmación no pleno do Parlamento en resposta ás acusacións socialistas que o tildan de «enterrador da sanidade valdeorresa»

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou no pleno do Parlamento de Galicia a mellora que supuxo para o Hospital Comarcal de Valdeorras a nova Lei de Saúde. Almuiña remarcou que, «gracias á área sanitaria da que forma parte o distrito de Valdeorras, foi posible manter a asistencia nas especialidades de traumatoloxía e medicina interna, e aumentar a oferta de especialidades que antes non había, como neuroloxía, dixestivo, endocrinoloxía e reumatoloxía; da extensión da cardioloxía; e a posta en marcha da unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO) e de Coidados Paliativos, evitando o traslado de pacientes a Ourense para seguir estes tratamentos ou acudir a consulta en todas elas».

Esta afirmación viña a respostar a exposición feita pola parlamentaria Noela Blanco, na que insistiu no «impacto negativo da supresión da Área Sanitaria de Valdeorras sobre a calidade da asistencia no hospital comarcal». Tildou así ó conselleiro de «enterrador da sanidade» na comarca.

Lonxe de compartir a exposición da parlamentaria sociales, Almuiña dixo que «a nova Lei de Saúde axuda aos comarcais, evitando que a falta puntual dun especialista propio afecte á actividade asistencial diaria nin aos pacientes, especialmente en especialidades que non contan con profesionais dispoñibles no mercado laboral ou cando os profesionais optan por centros sanitarios de maior volume de poboación».

En cifras, o conselleiro subliñou que a actividade do HCV «permitiu a realización de 2.417 intervencións cirúrxicas, 3.288 ingresos, 65.906 consultas e 12.411 urxencias durante 2018». O Hospital de Valdeorras ten, según expresou, «un dos mellores resultados a nivel galego en canto a tempos de consulta con 34 días».

No que se refire aos tempos medios de espera cirúrxica, Almuiña referiuse a un tempo medio de 37,6 días «e ningunha persoa espera máis de 3 meses», dixo. O conselleiro de Sanidade insistiu en que «coa nova Lei de Saúde non se pecharon os hospitais comarcais senón que traballamos para melloralos». En concreto no HCV «xa se realizaron obras no laboratorio e levouse a cabo a renovación das instalacións de fontanería».

Almuiña lembrou que o Servizo Galego de Saúde vai realizar tamén a reforma e ampliación do Hospital de Día Onco-Hematolóxico e da área de dixestivo, a renovación das salas limpas de farmacia e o plan funcional da unidade de traballo de parto e recuperación. Xunto a estas melloras tamén está previstas a reforma e ampliación da recepción; a reforma das consultas externas, do arquivo e da cociña e diversas actuacións nas instalacións de fontanería e climatización entre outras.