Merelles: «O PP traballará para que os entroidos ourensáns sexan declarados Festas de Interese Turístico Nacional»
Así o facía saber en Manzaneda, onde o Entroido está declarado Festa de Interese Turístico de Galicia. Logo desprazábase á Veiga para asistir á Festa da Soá
Entre as mázcaras de Manzaneda, cuxo Entroido está declarado de Interese Turístico de Galicia, Merelles manifestaba que o PP traballará para que os diferentes entroidos ourensáns sexan declarados como Festas de Interese Turístico Nacional. Subliñar que moitas delas xa son Festa de Interese Turístico de Galicia
Xosé Manuel Merelles que participou na mañá do Martes de Entroido nos actos vinculados a esta festa nos municipios de Manzaneda, e A Veiga. sinalaba que os diversos entroidos da provincia atraen «un bo número de visitantes que, sen dúbida, aumentaría coa súa declaración como Festas de Interese Turístico Nacional».
En Manzaneda, logo de asistir ao espectacular e vistoso desfile dos seus folións e mázcaras, o que foi ata hai pouco director da Axencia Turismo de Galicia puxo en valor que todos os entroidos do interior de Ourense son festas populares enraizadas en profundas tradicións galegas.
«Son celebracións que atraen a un bo número de visitantes que, sen dúbida, aumentaría coa súa declaración como Festas de Interese Turístico Nacional. En concreto, dende o PPdeG traballarase para que as celebracións entroideiras de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso acaden este recoñecemento», recalcou.
«Amais de atraer turistas, son festexos que axudan a xerar riqueza e oportunidades e sitúan no mapa pequenos municipios do interior ourensán que teñen moito que dicir, moito que ensianar ao mundo», manifestou o candidato popular.
Neste sentido, lembrou que celebración dos entroidos en toda a provincia de Ourense posúe un importante valor en termos antropolóxicos e etnográficos posto que recolle ritos e tradicións ancestrais nas que o arraigo se da a man co espectáculo e poñen en valor “elementos tan nosos coma os fulións, as mázcaras, os boteiros, as foliadas, ou os lardeiros.
«Todos gardan certas similitudes entre si, pero á vez son entroidos moi diferentes», dixo Merelles, quen eloxiou esta «diversidade» nas celebracións. Desestacionalización Deste xeito, “toda a provincia de Ourense convértese nun foco de atracción durante o Entroido, unha festividade que axuda a desestacionalizar o fluxo turístico e garante as visitas durante esta época, que non é tempada alta, e que coa chegada do AVE á capital provincia se vai notar cada ano moito máis”, afirmou.
Fortalecer o interior da comunidade, especialmente os núcleos rurais de Ourense, como destinos preferentes para a chegada de visitantes en torno a unha nova Estratexia de Turismo de Galicia co foco posto en 2030 e que sustente baixo as premisas da sostibilidade, a internacionalización e a desestacionalización é un dos obxectivos do PPdeG en materia de promoción turística.
Así o manifestou Merelles na Veiga, onde quixo incidir en que «os populares temos a fórmula para que Galicia funcione» e somos «os únicos capaces de garantir un goberno estable, fronte a un multipartito sen propostas nin proxectos para a comunidade e, moito menos, para o noso interior».