Galicia incrementa a súa temperatura media no mes de xullo
Galicia rexistrou un mes de xullo moi cálido en canto ás temperaturas que se plasmou nunha temperatura media 1,1 graos por riba do valor climatolóxico normal para esta época. Así se recolle no avance do último informe climatolóxico mensual elaborado por MeteoGalicia e que foi presentado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.
Neste sentido, cómpre subliñar que o período estivo caracterizado por tres partes ben diferenciadas. Así, a primeira semana do mes viu marcada polo tempo seco e soleado, con temperaturas normais e en liña cos valores agardados para xullo, mentres que a partir do día 6 predominaron as borrascas e polo tanto, o tempo foi máis húmido e fresco do que cabería agardar neste mes.
En todo caso, a partir do día 21 as xornadas estiveron marcadas por situacións de sol e incluso de intenso calor en días concretos, con avisos por altas temperaturas que, tal e como explicou Vázquez Mejuto, obrigaron a activar o sistema de avisos por episodios de calor en coordinación coa Consellería de Sanidade.
Así, o mes pasado acabou cun 3% máis de precipitacións do esperado tendo en conta os rexistros obtidos nas estacións galegas máis representativas no período de referencia 1981-2010, o que fai que se poida considerar un xullo dentro da normalidade en canto ás chuvias, cun promedio de 44 litros por metro cadrado.