Eladio Santos anima ás entidades dos concellos máis pequenos de Ourense a sumarse ao programa Campus Rural
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, fixo un chamamento ás entidades situadas en concellos de menos de 5.000 habitantes para que se beneficien do programa Campus Rural, que permite acoller alumnos universitarios en prácticas durante varios meses.
A iniciativa, impulsada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, en colaboración co Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), está dirixida a entidades públicas e privadas que desenvolven a súa actividade en zonas rurais con problemas de despoboamento.
Segundo explicou Santos, o programa busca «contribuír ao reequilibrio territorial incentivando a chegada de capital humano aos espazos máis despoboados», co obxectivo de dinamizar o tecido produtivo, social e institucional destas áreas.
O subdelegado destacou que se trata dunha «oportunidade única» para a provincia de Ourense, onde a maioría dos municipios teñen unha poboación inferior aos 5.000 habitantes. «Queremos que os rapaces e rapazas coñezan os beneficios de quedar a vivir no rural, con posibilidades reais de emprego», subliñou.
Campus Rural ofrece aos estudantes unha experiencia persoal e profesional enriquecedora, que promove novas formas de arraigamento e relación co territorio. As prácticas poden durar entre 2 e 5 meses, ata novembro, e realízanse en entidades situadas en zonas con vulnerabilidade territorial.
Cada estudante percibirá 1.000 euros brutos mensuais, ademais da cobertura dos gastos de Seguridade Social, sen ningún custo adicional para a entidade que o acolla.
Eladio Santos difundiu esta semana a información do programa entre concellos, empresas e asociacións da provincia, animándoas a participar para aproveitar esta oportunidade de desenvolvemento local e fixación de poboación nova no rural.