A delegada territorial participa na viaxe inaugural do tren turístico da ruta dos viños de Valdeorras
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada por membros do seu equipo directivo da Delegación Territorial, participou na viaxe inaugural do Tren Turístico das Rutas dos Viños de Valdeorras-Ribeira Sacra. Este percorrido forma parte dos once trens turísticos do programa “Galicia a todos tren” que un ano máis, e xa van cinco, Turismo de Galicia pon en marcha coa colaboración de Renfe e do Inorde durante os meses de xuño a outubro coa intención de fomentar un turismo de calidade e sustentable.
Díaz Mouteira explicou que dado o protagonismo da provincia ourensá na edición deste ano, xa que dos 11 itinerarios ofertados 5 percorren a súa xeografía “considerei que desde a Delegación Territorial da Xunta tíñamos que apostar por este programa turístico e invitar, co noso exemplo, aos viaxeiros a descubrir o noso territorio e algúns dos nosos recursos turísticos máis singulares”.
A máxima responsable do Goberno galego en Ourense subliñou que os trens turísticos son “un exemplo de colaboración para ofrecer un produto de calidade grazas á creación de sinerxías que combinan o aproveitamento turístico do territorio e a preservación do medio ambiente”. Díaz Mouteira resaltou que para este 2017 melloráronse os itinerarios e incluíronse novos proxectos ao programa que amplían a oferta turística de Galicia e fomentan o desenvolvemento sostible do sector turístico galego. “Un programa moi completo que permite descubrir a nosa comunidade dun xeito distinto e que incrementa a competitividade de Galicia como destino turístico”, afirmou.
Como novidade deste ano, incorporáronse dúas novas rutas que potencian o turismo urbano dedicadas ás cidades de Ourense e A Coruña. O ‘Tren Ourense termal e de compras’ combina o turismo polo casco histórico da cidade das Burgas, as Termas de Outariz e tempo libre para realizar compras opcionais pola cidade e ofrecerá dúas saídas, os días 7 e 21 de outubro.
Tren Valdeorras-Ribeira Sacra
O tren Valdeorras-Ribeira Sacra realiza seu percorrido inaugural partindo ás 9.45 horas da estación de Ourense e os viaxeiros chegan a esta mesma estación ás 20.48 horas, logo de pasar a xornada nas denominacións de orixe protexidas da Ribeira Sacra e Valdeorras. Logo da partida, o tren diríxese cara a Santo Estevo de Ribas de Sil, onde os viaxeiros poden facer unha travesía en catamarán desde o embarcadoiro de Santo Estevo polo encoro do mesmo nome. Máis tarde, desde Santo Estevo viaxan en tren ata a estación da Rúa, na comarca de Valdeorras.
No Concello da Rúa, está prevista á visita a unha adega adscrita á Denominación de Orixe Protexida Valdeorras, onde se desenvolve unha cata dos viños máis senlleiros da zona e unha pequena degustación de produtos gastronómicos locais. Logo do xantar, os viaxeiros diríxense en autobús cara o Santuario das Ermidas, no Concello do Bolo, e no traxecto poden coñecer a parte occidental da comarca ourensá de Valdeorras.
Tras voltar á estación da Rúa, onde collen o tren de regreso a Ourense, os viaxeiros fan un alto na ruta para visitar a Aula do Ferrocarril, situada na estación dos Peares. Desde aquí, xa no tramo final da ruta, achéganse ata Ourense, onde remata a xornada.
Amplo calendario
Pódese consultar o calendario dos trens turísticos de Galicia na páxina web de Turismo de Galicia así como na da compañía ferroviaria RENFE, onde tamén se poderá reservar o billete. O prezo dos billetes é de 40 euros para os adultos e 20 euros para os menores de 14 anos, para as viaxes dun día, mentres que existen descontos para grupos.
A delegada territorial indicou que Ourense é o principal destino deste programa turístico ao acaparar un gran número de rutas que, ademais de ofrecer a posibilidade de coñecer a cidade das Burgas, visitan as catro Denominacións de Orixe dos viños da provincia coa Ruta do Viño Ribeira Sacra, a de Monterrei, a do Ribeiro-Rías Baixas e a de Valdeorras-Ribeira Sacra.
Aos itinerarios que percorren a provincia de Ourense súmanse a ‘Ruta dos Faros’, a ‘Ruta dos pazos e xardíns históricos’, a ‘Ruta da Lamprea’, a ‘Ruta Lugo Romano’, a ‘Ruta do viños das Ríaz Baixas’, e a ‘Ruta Descubrindo A Coruña’.
O programa ‘Galicia a todo tren’ ten programado, ata o mes de outubro, un total de 56 viaxes a través das 11 rutas turísticas que ofrece.