David Rodríguez pide a Medio Rural unha liña de axudas para paliar as perdas da castaña

O deputado de En Marea por Ourense David Rodríguez, ven de pedirlle á Consellería de Medio Rural que realice «un estudo real das perdas producidas este ano por mor das inclemencias meteorolóxicas e pola avespiña do castiñeiro». Tras o estudo, a intención de Rodríguez é a de «manter unha xuntanza cas organizacións agrarias, representantes da IXP Castaña de Galicia e empresas produtoras, transformadoras e comercializadoras e, tras a avaliación de danos, fixar cantidades a indemnizar, ademáis de habilitar unha liña de axudas específicas para paliar as enormes perdas sufridas na última campaña».

Esta petición chega tras a conclusión de En Marea de que «a día de hoxe, a producción de castañas en Galicia non está garantida despois da nefasta campaña que minguou preto dun 50%» a recollida. Explica David Rodríguez que «a Consellería mirou para outro lado» cando o seu grupo advertiu das «enormes perdas que podía causar a vespa do castiñeiro», porque «non se estaba a facer o suficiente na loita contra o Dryocosmus kuriphilus». Tamén puxo en dúbida este grupo «a liña de axudas que a Xunta de Galicia sacou para paliar os danos polas inclemencias meteorolóxicas, solucións «que fuxiron da realidade e que están a padecer productores, gandeiros e labregos». Advirte En Marea de que a día de hoxe, teñen constancia «de que solicitaron estas axudas sobre un 1'5% das explotacións totais de Galicia».

David Rodríguez explica ademáis que «a castaña complementa as economías familiares», por iso entenden que «a Xunta de Galiza tiña que ter xa unha liña de axudas que chegaran a tódolos niveis na escala da produción e venda».