Danzas de tres continentes achegaránse este agosto a Valdeorras, Terras de Trives e Viana do Bolo
As XLI Xornadas de Folclore volverán achegar este mes de agosto a música e a danza tradicional de distintos recunchos do mundo a Valdeorras e Terras de Trives. O festival internacional organizado pola Deputación de Ourense fará parada en A Rúa, O Barco, Manzaneda, Trives e Viana do Bolo, dentro dun percorrido que tamén levará as actuacións a outros concellos da provincia.
Preto de 180 artistas procedentes de Armenia, Ecuador, México, Serbia, Taiwán e Senegal —este último país substitúe a Kenya tras a baixa da súa agrupación por problemas de última hora— participarán nesta corenta e primeira edición dun dos encontros de folclore máis veteranos de Galicia.
No caso do Barco de Valdeorras, a cita será o 12 de agosto, ás 22.30 horas, no Campo da Festa do Malecón, onde o público poderá asistir de forma gratuíta ás actuacións das agrupacións internacionais.
O festival inaugurará a súa programación o 10 de agosto no Teatro Principal de Ourense e, ata o día 20, percorrerá un total de 16 concellos da provincia, levando á rúa espectáculos que combinan música, danza e tradición de catro continentes.
Organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, as Xornadas de Folclore contan coa colaboración da Xunta de Galicia e dos concellos participantes e consolídanse, un ano máis, como unha das grandes citas culturais do verán ourensán.