viernes. 29.03.2024

Este ano haberá un réxime especial de caza para o corzo en función tamén das modalidades da mesma

O período oficial para poder exercer a actividade cinexética sobre o xabaril e o corzo comezou esta fin de semana en toda Galicia. Así consta na resolución publicada pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies que rexerán durante a tempada 2021/2022, entre outros aspectos relacionados co exercicio desta práctica na comunidade.

No caso do xabaril, os períodos e días hábiles para poder exercer a actividade cinexética sobre esta especie en particular dependerán do tipo de terreo.

Así, nos de réxime cinexético especial, incluída a superficie destinada a vedado de caza e zonas de adestramento de cans e aves de cetraría que teñen aprobadas os tecores, poderá cazarse os xoves, sábados, domingos e festivos desde o 22 de agosto e ata o 27 de febreiro de 2022, nas modalidades de batida, montaría e espera, autorizadas segundo o establecido nos artigos 11 e 12 da devandita resolución.

Nos terreos de réxime cinexético especial que non teñan cuberta a cota de capturas de xabaril aprobada para a tempada 2021/2022, poderán cazar esta especie nos axexos de corzo que teñan aprobados no correspondente plan anual de aproveitamento desde o 1 de abril e ata o 31 de xullo do ano que vén.

En canto aos terreos de réxime cinexético común, a caza estará permitida os xoves, sábados, domingos e festivos desde o 22 de agosto e ata o 31 de agosto, e desde o 7 de xaneiro ata o 27 de febreiro de 2022.

No período comprendido entre o 1 de setembro deste ano e o 5 de xaneiro do próximo, ambos incluídos, unicamente se poderá cazar os sábados.

Así mesmo, queda prohibido realizar, na mesma xornada e mancha — extensión de terreo a bater onde se desenvolve a montería—, batidas sobre o xabaril e practicar a caza sobre especies de caza menor.

Réxime especial para o corzo

En canto ao réxime especial aprobado para o corzo, nos terreos baixo réxime cinexético común, con autorización do servizo provincial de Patrimonio Natural correspondente, permítese a caza de machos adultos os sábados, desde o 22 de agosto e ata o 16 de outubro, nas modalidades de batida e montaría, mentres que os axexos poderán ser todos os días.

Pola súa banda nos terreos baixo réxime cinexético especial, poderanse cazar machos adultos de corzo desde o 21 de agosto ata o 16 de outubro deste ano os sábados, domingos e festivos nas modalidades de batida e montaría, e calquera día da semana no caso dos axexos.

Así mesmo, tamén se poderán cazar mediante a modalidade de axexo desde o 1 de abril ata o 31 de xullo de 2022 calquera día da semana.

Con carácter xeral, prohíbese o aproveitamento cinexético das femias de corzo. Non obstante permitirase a súa caza puntual e localizada como consecuencia dos danos que poidan ocasionar, de acordo co establecido no artigo 13 da resolución pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2021/22, que abarca o período comprendido entre o 1 de agosto deste ano e o 31 de xullo do próximo.

Así mesmo, en prol dun mantemento sostible das poboacións de corzo e sempre e cando se solicite no correspondente plan anual de aproveitamento cinexético.

Sempre e cando se xustifique achegando un informe técnico baseado na situación real da poboación desta especie no tecor motivando a necesidade de realizar o seu aproveitamento cinexético, permitirase a caza das femias adultas en descaste, mediante modalidade de axexo (calquera día da semana) ou en batida ou montaría (os sábados, domingos e festivos) durante o período comprendido entre o 4 de setembro e o 16 de outubro deste ano ou ben entre o 7 de xaneiro e o 19 de febreiro de 2022, a elección da persoa titular do aproveitamento.

Este período deberá quedar expresamente reflectido no correspondente plan anual de aproveitamento e entenderase, na súa falta, que se corresponde co segundo dos períodos indicados (é dicir, do 7 de xaneiro ao 19 de febreiro de 2022).

A autorización fixará o número de pezas que, como máximo, se poderá abater de acordo co plan anual de aproveitamento cinexético. Ademais, non poderán realizarsena mesma mancha unha batida e un axexo á vez, nin modalidades de caza maior e menor simultaneamente.

Comeza a tempada de caza do corzo e o xabaril en Galicia