Chave 365 simplifica a xestión online en Valdeorras
Facilitar a accesibilidade aos servizos dixitais da Xunta, ese é o principal obxectivo do servizo Chave 365, que desde esta semana xa se pode solicitar de xeito presencial no rexistro da Oficina Comarcal de Información ao Cidadán da Xunta no Barco de Valdeorras.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Vicepresidencia da Xunta, puxo en marcha Chave 365 o pasado mes de setembro ante as dificultades de uso do certificado electrónico e para evitar que as persoas menos familiarizadas co emprego das novas tecnoloxías queden excluídas dos servizos dixitais. Chave 365 dota aos cidadáns e ás empresas dun mecanismo de identificación e sinatura electrónica sinxelo que ofrece garantías de seguridade similares ao certificado electrónico
A solicitude de Chave 365 pódese realizar online, través da sede electrónica da Xunta, ou de xeito presencial nas oficinas de rexistro habilitadas (https://sede.xunta.es/onde-solicitar-chave365), que se están a ampliar de xeito progresivo.
Para empregar este sistema o usuario só ten que darse de alta no servizo, verificando a súa identidade, ben a través da sede electrónica ou ben nos rexistros habilitados.Unha vez verificada a súa identidade, o usuario recibirá no seu móbil unha clave de acceso, que empregará xunto co seu NIF. Deste xeito cada vez que queira realizar unha xestión, introducirá a clave de acceso e o NIF na sede electrónica e recibirá automáticamente no seu móbil un código de sinatura dun só uso e válido durante 24 horas para realizar o trámite.
A incorporación de Chave365 permitirá avanzar cara a sede electrónica móbil, facilitando o acceso desde dispositivos móbiles ou tabletas a algunhas funcionalidades, como a consulta do estado dos expedientes na Carpeta do cidadán. Cómpre destacar que a tramitación online supón un aforro mínimo de 75 euros por solicitude, fronte á modalidade presencial.
O servizo Chave 365 é unha das iniciativas do Plan de Administración e Goberno Dixital 2020, que busca culminar o traballo realizado nos últimos catro anos en materia de administración electrónica e conseguir unha Administración que funcione integramente de xeito dixital.