Charla para tomar conciencia sobre o problema da velutina

Ante a problemática que está a causar a proliferación da vespa velutina na comarca, a Asociación Valdeorresa de Apicultores impartirá o próximo sábado día 10 de novembro, a partires das 10:30 horas, unha formación sobre Destrución, neutralización ou retirada de niños de vespa velutina, protección individual e do medio ambiente. Recordan dende a asociación que «xa se retiraron ou neutralizaron en Valdeorras un total de 19 niños» e o mesmo acontece, nas comarcas veciñas como Quiroga, Lugo.

A charla será impartida por Lolo Andrade, entomólogo e técnico de protección civil de Cambre, e o lugar elexido para impartir a formación é o edificio Santa Lucía en Vilamartín. Dende a Asociación, o seu presidente Armando Rodríguez Losada, pediu «a asistencia a todo o persoal implicado, de concellos, protección civil, GES, policía municipal, operarios e en xeral a tódolos veciños» porque, explica, «non somos conscientes do problema que se nos aveciña».