Axudas dirixidas a que os concellos promovan a igualdade e a conciliación
A secretaria xeral da igualdade, Sandra Vázquez, informou a representantes municipais da provincia de Ourense dos apoios para fomentar a conciliación e a corresponsabilidade, para manter os Centros de Información á Muller e impulsar a igualdade
A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, mantivo hoxe un encontro con representantes municipais da provincia de Ourense para informalos da convocatoria aberta aos concellos para impulsar a conciliación e a corresponsabilidade, o labor dos Centros de Información á Muller e a igualdade entre mulleres e homes.
No acto, celebrado na Delegación Territorial da Xunta de Galicia, a representante autonómica trasladou que se atopan co prazo de solicitude aberto as convocatorias de axudas para apoiar o desenvolvemento de programas para fomentar a conciliación e a corresponsabilidade (6 millóns), para financiar o labor dos Centros de Información á Muller - CIM (case 4,5 millóns) e para promover a igualdade entre mulleres e homes (500.000 euros). Segundo lles lembrou, a iniciativa está dirixida a concellos, consorcios ou mancomunidades que terán de prazo ata o 8 de febreiro para presentar as súas peticións.
Nas accións dirixidas a favorecer a conciliación e a corresponsabilidade no eido local —financiadas a través do Plan Corresponsables—, investiranse 6 millóns de euros para a posta en marcha de medidas orientadas a facilitar a conciliación e a corresponsabilidade das familias con menores de ata 16 anos inclusive, tendo prioridade as familias monoparentais, as vítimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia contra a muller, desempregadas de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou as unidades familiares nas que existan outras circunstancias relacionadas cos coidados. As axudas máximas ás que optan as entidades locais son de 150.000 euros no caso de solicitude individual e de ata 225.000 euros se a xestión é compartida.