A EOXI de Ourense defende a garantía de asistencia urxente do HCV

A resposta da EOXI de Ourense ás acusacións do PSOE e BNG de «desmantelamento» do Hospital Comarcal Valdeorras, non se fixeron esperar. A Xestión Integrada puntualizou, a través de nota de prensa, que «o hospital mantivo nestes anos o número dos seus facultativos, ademáis de manter o mesmo número de profesionais de garda, o que garante os 365 días do ano a asistencia urxente, con criterios de calidade, rapidez e seguridade». É máis, lonxe de perder facultativos, explican que «o HCV incrementou notablemente a súa carteira de servizos neste tempo e logrou aumentar a súa oferta de especialidades médicas, como Oncoloxía, Neuroloxía, Dixestivo, Endocrinoloxía, Reumatoloxía, ademáis da extensión de Cardioloxía, e a posta en marcha da unidade de Hospitalización a Domicilio, así como a posta en marcha de probas diagnósticas e consultas de alta resolución, que antes tan só se realizaban no Hospital Universitario de Ourense».

Lembra a EOXI de Ourense que «en xullo de 2018 o Hospital Comarcal voltou a estar entre os que mellores datos rexistra en canto a tempos de atención, de toda a rede sanitaria pública do Sergas», baseando esta afirmación no feito de que se ten pasado «dos 32 a tan só 19 días de espera media en consultas e un total de 27 días de espera en intervencións cirúrxicas», mellorando así os datos dos anos anteriores.

Aseguran ademáis que o centro «mantén sen cambios o número e tipo de gardas médicas, o que permite garantir a súa actividade en horario urxente». Explican que o momento actual está sendo «complicado para atraer determinados especialistas», polo que «está sendo posible manter estas presenzas contando co esforzo dos profesionais do Hospital Comarcal de Valdeorras e co apoio dos profesionais do CHUO».

No que respecta á cobertura de especialistas de traumatoloxía de presenza localizada no Hospital Comarcal do Barco de Valdeorras, explican que «a cobertura mantívose e mantense, a pesares das dificultades coñecidas na disposición no mercado laboral destes especialistas, gracias ó esforzo continuado dos traumatólogos do centro. No caso de Medicina Interna, «trala marcha de dous profesionais na OPE de Castela León e a baixa prolongada de outro, mantívose tamén a atención do servizo, incluídas as gardas co esforzo do resto dos profesionais e o reforzo de especialistas da Area Medica do CHUO».

Remata o comunicado explicando que a organización das gardas sempre se fixo garantindo a asistencia con criterios de calidade e seguridade e que os hospitais de Ourense contan todos con persoal médico especialista para atender ós usuarios, «polo que as baixas, xubilacións e traslados sempre se cubriron como en calqueira hospital».