A D.O. Valdeorras, incluida nun plan da Xunta para fomentar o sector

No contexto da 39ª Feria Internacional de Turismo, Fitur, de Madrid, presentaron os conselleiros de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e do Medio Rural, José González, un plan estratéxico e de dinamización territorial que quere dinamizar e mellorar o posicionamento dos viños das cinco denominacións de orixe de Galicia, entre elas, a de Valdeorras.

Os representantes do Goberno galego explicaron que este plan, denominado Paseando entre viñedos: Enoturismo en Galicia. Senda estratéxica das comarcas vitivinícolas galegas, «contará coa participación de tódolos axentes clave do territorio» e que pretende «mellorar a coordinación público-privada» para fomentar o desenvolvemento territorial, a partir do sector vitivinícola.

Nesta liña, José González explicou que como primeiro paso «farase un estudo e posterior diagnóstico socioeconómico dos territorios implicados, analizando as súas infraestruturas, os servizos públicos e a súa situación demográfica, así como o tecido asociativo e empresarial». A este traballo, engadiu, sumaranse as tendencias de consumo e do mercado vinícola a nivel español e internacional. Así, no ámbito turístico, o plan analizará o sector recollendo aquelas instalacións, servizos e atractivos turísticos presentes nestas comarcas. De feito, a Xunta quere reforzar as vinculacións das denominacións de orixe dos viños cos lugares nos que están asentadas para fortalecer así o seu vínculo co patrimonio natural e cultural.

Unha vez se teña o diagnóstico da situación, o obxectivo deste novo plan galego é «establecer os eixos para guiar o futuro do ámbito territorial de cada denominación de orixe de forma individual pero tamén en conxunto».

O conselleiro de Cultura e Turismo fixo alusión ás iniciativas promocionais que está a impulsar o Goberno galego, unidas a melloras como a sinalización das rutas dos viños, iniciada o pasado ano en Rías Baixas e O Ribeiro e que se completará este ano coas restantes: Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras.

Román Rodríguez Galicia lembrou que Galicia «é un destino cunha gastronomía e unha cultura do viño auténtica, con personalidade, que propón unha oferta baseada na súa identidade cultural, na diversidade de paisaxes e na riqueza e variedade de produtos de proximidade e de tempada». Tamén lembrou que o sector do viño en Galicia implica a máis de 15.000 viticultores e 400 bodegas. No que se refire á superficie, calcúlase que na nosa comunidade existen unhas 9.000 hectáreas de viñedos que producen uns 60 millóns de quilos ao ano.