A Carreira contra o cancro de páncreas de Vilamartín preséntase na Deputación
A primeira carreira en Galicia contra o cancro de páncreas celebrarase o próximo día 25 de novembro en Vilamartín de Valdeorras. De momento, hoxe facíase a presentación oficial na Deputación de Ourense, á que acudían unha das tres veciñas da vila que o fixo posible, Belén Gómez, co respaldo da asociación ACANPAN, e a gastroenteróloga e responsable da Unidade de Páncreas do Hospital Universitario de Ourense, María Francisco, implicada dende o primeiro momento nesta iniciativa.
Alí eran recibidas polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, quen destacaba a importancia de desenvolver no territorio galego «eventos que aglutinen deporte, saúde e solidariedade» e que neste caso «contribúan a dar visibilidade e recadar doazóns para a investigación do cancro de páncreas».
A saída da andaina será ás 10.30 horas e a da carreira será ás 11.30 horas, ambas desde o Colexio Público Xosé Manuel Folla Respino en Valdegodos. Os interesados en participar poderán inscribirse, ata o día 22 de novembro, por un custe de 10 euros para os adultos e de 5 euros para a inscrición infantil, e «todo o diñeiro que se recade irá destinado ao 100% para as becas de investigación de cancro de páncreas. Así o explicou Belén Gómez, que lembrou que as inscricións poden realizarse a través da páxina www.carreirasgalegas.com ou presencialmente en diferentes establecementos de Vilamartín, O Barco, A Rúa, Rubiá e A Pobra de Trives, incluso o mesmo día da proba.
Para aqueles que non participen na proba, poden colaborar coa causa a través do Dorsal Cero en www.carreirasgalegas.com, ou directamente coa Asociación Cáncer de Páncreas a través da súa Fila Cero.
Unha vez máis, a doctora María Francisco facía fincapé no feito de que o cancro de páncreas é «a terceira causa de morte por esta enfermedade», feito que ademáis vai en aumento cada día. É por iso que recalcou que debemos «buscar melloras tanto en diagnóstico precoz, como nos tratamentos que temos hoxe en día», todo elo a través da investigación.