viernes. 29.03.2024

O Rácing Club de Ferrol venceu por 3 - 1 ao CD Barco. Caeu o Centro de Deportes Barco na súa volta á cidade departamental, vinte e sete anos despois, na que era, por outra banda, a estrea dos valdeorreses nun campo de categoría como A Malata.

O partido comezou cun primeiro aviso do cadro local, que antes de se cumprir o minuto de xogo xa se plantou fronte a porta de Azpillaga polo centro da área, detendo o gardamallas sen problemas. Con todo, os primeiros compases foron de estudo e tenteo mutuo. Sorprendentemente, o cadro de Emilio Larraz puxo un ritmo de xogo pausado, lento, agardando a iniciativa dos valdeorreses.

O espertar do Rácing remata cun gol do Barco

No min. 14, logo dun saque de esquina, os ferroláns arman rápido o contragolpe e Armental preséntase no man a man fronte Azpillaga, que acaba sacando o balón cos pés. Cara á metade deste período o Rácing vai tomando o control, chegando con sensación de perigo real á área contraria. Mais no min. 23, unha incursión polo centro de David Álvarez, buscando a opción da falta acaba sinalada como libre directo, a súa especialidade. O disparo de David, por riba da barreira, toca lixeiramente nun dos xogadores rivais e acaba lonxe do alcance de Diego Rivas, para poñer o 0-1 no electrónico da Malata.

O equipo ferrolán notou o golpe de comezar abaixo no marcador. Os de Manolo Pérez tiveron aquí unha das súas mellores fases no partido e puideron abrir fenda, primeiro nun remate de Ivi Vales que atallou Rivas e, pouco despois, no min. 29, nunha recuperación do balón arriba que acabou Tabala cun duro lanzamento que rexeita de novo Diego Rivas.

Chegando aos minutos finais do primeiro tempo unha serie de decisións arbitrais acenderon moito os ánimos na bancada. Isto tivo a súa repercusión tamén sobre o terreo de xogo, xa que serviu de estímulo para o conxunto de Ferrol. Así, este treito foi moi intenso, mesmo con certa tensión. No min. 41 o local Joselu, logo dunha boa xogada polo centro do ataque, pon de novo a proba Azpillaga, que salva moi ben, abaixo, o seu disparo.

No segundo tempo o Rácing sae ao campo enchufado

O segundo tempo arrincou co Rácing apertando na procura do empate: un lanzamento desviado, alto, no min. 46 e outra boa intervención de Azpillaga no 52. Este primeiro cuarto de hora os valdeorreses traballaron duro, e moi ben, en tarefas defensivas.

Logo do primeiro cambio nas filas barquenses, coa entrada de Juanito Bazo por Pablo Rubio, chega unha serie de ocasións malogradas para os de Manolo Pérez. Primeiro un remate de Tabala, aproveitando unha boa xogada con David, que salva o porteiro Diego Rivas. A seguir, no min. 64, disparo dende lonxe de Borja Gil que se vai fóra por moi pouco. E só un minuto máis tarde, precisa e preciosa combinación entre Juanito e David que finaliza este último de vaselina e que marcha por riba do traveseiro. Sen dúbida é unha das accións chave do partido, moi clara, e puido supoñer o segundo gol visitante.

Co partido claramente aberto, mesmo un chisco louco, chegou o tanto da igualada para o cadro local nun remate de cabeza de Juan Antonio. Corría o min. 70 e aínda quedaba moito que contar sobre o rectángulo verde.

Xusto a continuación outra acción que puido cambiar o curso do partido: chega a réplica valdeorresa cun novo disparo de David que marcha fóra por centímetros. E no 76 é Ivi Vales quen proba fortuna, parando Rivas sen problemas.

Remontada

Corre o reloxo e aumenta a presión do Rácing. No 79, logo dunha acción en que os visitantes reclamaron mans no control do balón, Joselu aproveita un balón rexeitado pra facer o segundo, dándolle a volta ao marcador.

Minutos fatídicos para os de Valdeorras, pois coa defensa adiantada na busca novamente do equilibrio, Juan Antonio gaña un balón con metros suficientes para encarar a porta con vantaxe e bater Azpillaga sen piedade. Min. 81 e 3-1 no marcador.

Despois dun ronsel de cambios polas dúas partes, os locais aínda gozaron dunha nova oportunidade nos últimos minutos, errando incomprensibelmente o remate sobre a mesma portaría e con todo a favor.

Con isto chegamos ao asubío final dun intenso duelo que mudou radicalmente en vinte minutos para a escuadra barquense. Mais, deixa tamén a sensación de estar á altura no feudo dun dos poderosos e favoritos do grupo para facerse cun posto na fase de promoción e mesmo co título.

Moi boa entrada na Malata para presenciar o partido  — de 1800 a2000 espectadores—, con bo grupo de seareiros valdeorreses.

Rácing Club de Ferrol: Diego Rivas, Garrido, Seoane, Catú, Villarejo, Joel, Armental, Carlos García, Pablo Rey, Juan Antonio e Joselu.

CD Barco: Azpilaga, Toni, Sito, Santiago Núñez, Omar Navarro, Pablo Rubio, Ivi Vales, Borja Gil, Iker Revuelta, Tabala e David Álvarez.

Árbitros: José Luis González Sobrado asistido por José Alberto Lorenzo e José Antonio Varela.

Tarxetas amarelas:  Carlos García (min. 42); Pablo Rubio (min. 56); Joel (min. 67)

Goles: 0-1, David Álvarez, min.23; 1-1, Juan Antonio min.69; 2-1 Joselu min. 79; Juan Antonio min.81

Incidencias: Encontro disputado na Malata ante 1800 espectadores.

Tabla: 5ª posición con 24 puntos (21 goles a favor e 14 goles en contra).

Próxima xornada: CD Barco-UD Ourense

Redacción e fotografía: Xavier Roo

Quince minutos inspirados do Rácing tumban o Barco