Mari Carmen González, candidata popular por Carballeda nas vindeiras eleccións municipais

Logo de 28 anos coma alcaldesa, a candidata quere seguir a traballar polo capital humano do concello, «o mellor que ten»

María del Carmen González Quintela aspira a unha nova maioría no Concello de Carballeda de Valdeorras, encabezando a lista popular para, como ela mesmo explica, «seguir a traballar por un único proxecto que é o concello e o mellor que ten, que é o seu capital humano».

O presidente provincial, Manuel Baltar, explica que «esta procura constante do mellor para Carballeda, pero tamén para a comarca e a provincia, fai que a decisión do partido de confiarlle de novo o liderado da lista popular sexa todo un acerto».

Logo de 28 anos como alcaldesa, afirma sentirse «orgullosa do realizado, que non tiña outro obxectivo que facilitar a calidade de vida á veciñanza, con especial atención ao medio e o ámbito económico». Refírese a candidata á produción de lousa, pola condición de Carballeda como líder mundial. «Para nós era primordial equilibrar a extracción de lousa coa protección do medio e coa vida diaria dos habitantes, que nun gran número viven do seu traballo neste sector».

Con estes propósitos cumpridos, afirma, «neste mandato que case rematamos, chegou o momento de centrarse noutras iniciativas máis relacionadas coas actividades de ocio e tempo libre». Así, destaca, «está a piques de finalizar un complexo de piscinas que combina as clásicas instalacións con outras naturais e que, pola súa novidade, esperamos capte a atención non só da xente de Valdeorras senón tamén do Bierzo»”.

En canto aos propósitos do novo mandato, asegura querer «dar a batalla polo medio, con especial atención á recuperación do patrimonio natural, e contra o feísmo urbanístico coa eliminación de casas en ruínas e abandoadas que ademais de contribuír a crear unha paisaxe pantasma e nada atraínte, tamén son un foco de perigro para as persoas».

O presidente provincial, Manuel Baltar, expresou entre tanto o seu agradecemento á candidata por se poñer unha vez máis a disposición do partido, ofrecendo o seu talante colaborador coas administracións e unha visión política «que vai máis aló do concello e da comarca, como así o demostra o novidoso complexo de piscinas, máis os seus plans para a mellora do medio, o mellor exemplo da ilusión e a forza coa que María del Carmen González encara un novo mandato que alumeará importantes infraestruturas».

O presidente provincial subliñou que á vista está «o progreso social, económico, de infraestruturas e equipamentos que experimentou Carballeda en todo este tempo, razóns máis que suficientes para contar sempre coa confianza maioritaria dos seus veciños e os excelentes resultados obtidos en cada proceso electoral».