A comunicación na familia e a teoría da mente pechan as xornadas divulgativas de Carballeda

José Fernández impartirá o martes 24 de xuño unha conferencia no Centro Social de Sobradelo baixo o título «A educación non ten idade nin xénero

Este martes, ás 20:00 horas no Centro Social de Sobradelo, o educador e conferenciante José Fernández, psicopedagogo e presidente de Vagalume porá o broche final ás primeiras xornadas de divulgación organizadas pola asociación que preside en colaboración co Concello de Carballeda de Valdeorras, baixo o título "A educación non ten idade nin xénero".

Fernández, que agradeceu a oportunidade de participar nunhas xornadas que cualificou de «importantísimas», adiantou que a súa charla xirará arredor da comunicación nas relacións familiares, os vínculos de apego dende a infancia e os límites necesarios para formar fillos responsables. «É un tema bonito, interesante e moi necesario», sinalou, facendo fincapé na importancia dunha «comunicación efectiva e afectiva» dende as primeiras etapas da vida.

Un dos puntos centrais da conferencia será a teoría da mente, é dicir, a capacidade de recoñecer e anticipar os pensamentos e intencións alleas. «A partir dos catro anos comezamos a desenvolver esa habilidade, esencial para a empatía e a convivencia», explicou. A intervención incluirá tamén vídeos ilustrativos para exemplificar as diferenzas na resolución de problemas entre adultos e nenos.

Estas xornadas, enmarcadas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, contaron previamente coa participación do pedagogo Manuel Isorna, quen abordou temas como o uso das redes sociais ou as adiccións na mocidade, e de Juan Castro Rivadulla, investigador da Universidade da Coruña, que achegou coñecementos sobre o funcionamento do cerebro e a súa relación co comportamento humano.

Fernández quixo subliñar o valor destas iniciativas: «A violencia de xénero non se combate só con panfletos, senón con educación, e non só na mocidade, senón tamén en persoas adultas». Destacou, ademais, a importancia de implicar nas conferencias non só a nais e pais, senón tamén ao alumnado e mesmo aos avós e avoas.

A conferencia de mañá será, segundo as súas palabras, «unha oportunidade para reflexionar e atopar claves prácticas que axuden na crianza e na convivencia familiar». Con entrada libre, está dirixida a toda a veciñanza interesada en mellorar a comunicación e a educación no fogar.