Unha ruta polo Camiño de Inverno para celebrar o 25 aniversario do Xacobeo 93

A Asociación de Amigos do Camiño de Inverno por Valdeorras participa este fin de semana na cuarta edición das Camiñadas de APECSA, a Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago que conmemora o 25 aniversario do Xacobeo 93 e da declaración da Ruta Xacobea como Patrimonio Mundial. Trátase, tal e como explica a presidenta da asociación valdeorresa, Asun Arias, «dunha convocatoria aberta onde están chamados a participar asociacións e alcaldes dos municipios polos que transcorre o Camiño de Inverno, ademáis de calqueira persoa que quera participar».

A ruta percorrerá unha distancia de 7 km entre O Barco e Vilamartín, coñecendo tramos históricos do Camiño. O percorrido comezará ás 10:15 horas no aparcadoiro final do Paseo do Malecón, na confluencia das rúas Ourense, Coruña e Barco de Ávila. Dende alí chegarán á capela románica de A Proba, que data do século XII. Rematará o percorrido cara ás 12:30 horas coa chegada a Vilamartín onde agardará á chegada dos camiñantes o seu alcalde, Enrique Álvarez Barreiro, que os recibirá no recén reformado albergue de peregrinos, na zona do Bañadoiro. Para coñecer o significado histórico e artístico e as pegadas xacobeas do visitado, acompañará ao grupo o experto José Rúa Pérez.

Ao remate haberá un xantar‐coloquio na Rúa. A asistencia á Camiñada é libre e gratuíta; o xantar corre pola conta de cada comensal e é preciso confirmar asistencia no correo periodistas.caminodesantiago@gmail.com. Ao remate un bus devolverá a O Barco aos camiñantes que o desexen.