A Veiga acondicionará o río Xares e as pontes de Baños e Ponte

O concello de A Veiga levará ao pleno da deputación a aprobación do convenio de colaboración entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a Deputación de Ourense e o propio concello, para o financiamento e execución das obras de acondicionamento, protección e mellora das marxes do río Xares ao seu paso polos núcleos de Xares, Ponte e Baños, en A Veiga.

O alcalde da localidade, Juan Anta, recordou a importancia de este río, como un dos principais de Ourense "é a xoia da coroa e o que máis demandas ten de pesca para o seu coto de toda Galicia". Ademais, a reforma das dúas pontes que o cruzan "é indispensable para os veciños", segundo o alcalde. Por unha banda, en Ponte, os residentes non poden pasar as súas propiedades que teñen ao outro lado; e por outra, en Xares, as augas torrenciais do pasado ano provocaron prácticamente o derribo total da ponte.

O investimento total necesario para a actuación estimouse en 400.000 euros, repartidos en dúas anualidades, 200.000 euros para o 2017 e outros 200.000 no exercicio do 2018.

O financiamento da obra realizarase da seguinte maneira: a confederación Hidrográfica do Miño-Sil achegará 200.000 euros do custo inicialmente previsto, o que supón unha porcentaxe do 50% a repartir a partes iguais entre as dúas anualidades. Pola súa banda, a Deputación Provincial de Ourense aportará 140.000 euros, un 35% do investimento previsto a repartir equitativamente entre as dúas anualidades. O mesmo para o Concello de A Veiga, que asumirá o custo de 60.000, o que supón unha porcentaxe do 15% do total previsto.