Trevinca-A Veiga convértese en referente europeo do desenvolvemento sostible en montaña co proxecto Highlands.3
Entre o 19 e o 28 de xuño, o concello de A Veiga acolleu a oitava sesión de investigación e innovación do proxecto europeo Highlands.3, unha iniciativa financiada pola Unión Europea dentro do programa Horizon 2020 cun orzamento de 2,5 millóns de euros. Este proxecto internacional, que se desenvolve entre 2020 e 2025, ten como obxectivo contribuír ao desenvolvemento sustentábel e inclusivo das áreas de montaña ante os retos do cambio global.
Durante dez días, 24 investigadores de disciplinas como a xeografía, o turismo sostible, a produción animal, a investigación forestal ou a agricultura ecolóxica visitaron A Veiga hospedados por Trevihost, a Asociación de Hostalaría e Turismo de Trevinca-A Veiga. Os participantes procedían de once países: Austria, Arxentina, Cabo Verde, Macedonia, Montenegro, Grecia, Francia, Romanía, Portugal e España, con presenza da Universidade de Santiago de Compostela como entidade académica coordinadora.
As xornadas incluíron entrevistas a persoas promotoras de iniciativas vinculadas ao turismo rural, á conservación ambiental, á produción primaria ou ao desenvolvemento rural, así como sesións internas na Biblioteca Municipal. As visitas chegaron tamén a empresas forestais, ganderías, cooperativas, centros de transformación e equipamentos públicos. Algunhas das entrevistas realizáronse no marco de zonas de montaña con figura de protección, como acontece noutras sedes do programa: os Andes, o Macizo Central Francés, Vietnam, os Alpes, os Cárpatos ou Cabo Verde. En España, só dúas rexións foron seleccionadas: Trevinca-A Veiga e os Pirineos.
Ademais do programa oficial, os propios investigadores aproveitaron a súa estadía para realizar saídas á Pena Trevinca, visitar o outro lado das montañas en Sanabria e percorrer os arredores da vila, coñecendo o territorio desde unha perspectiva próxima e vivencial.
O acto de peche tivo lugar o venres 27 de xuño no establecemento asociado de Trevihost, A Aira da Petada, en Corzos. Alí expuxéronse as primeiras conclusións dun traballo que, segundo os propios participantes, superou as expectativas. A valoración da contorna foi extraordinaria: destacaron a riqueza paisaxística, o nivel de conservación ambiental, os recursos hídricos e a calidade das iniciativas locais. «Trevinca-A Veiga encaixa á perfección na filosofía de Highlands.3», afirmaron.
Entre as achegas finais, os investigadores sinalaron a oportunidade de desenvolver un plan de carga turística, que permita preservar o equilibrio entre promoción e conservación a longo prazo. A súa mensaxe foi clara: o territorio da Veiga é un “diamante” que merece ser coidado.
Esta sesión foi a última do ciclo de investigación presencial do proxecto, que xa pasou por rexións de montaña dentro e fóra de Europa. Highlands.3 está executado por máis de 40 entidades de 30 países, das cales o 35 % son non académicas. A súa páxina oficial é: www.highlands3.eu