As tecedoras da Veiga celebran dez anos fiando igualdade cunha exposición no Toural
A Praza do Toural da Veiga acolle desde este mércores a exposición «Tecendo Soños. Unha década fiando igualdade», unha mostra coa que o Concello quixo render homenaxe ás mulleres que, durante os últimos dez anos, converteron o tecido nun espazo de encontro, aprendizaxe e convivencia.
A inauguración reuniu ao alcalde da Veiga, Juan Anta; á directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Injerto; á concelleira de Igualdade, Ana María Álvarez Carriba, e ás integrantes do grupo de tecedoras, verdadeiras protagonistas dunha iniciativa que ao longo dunha década foi moito máis alá das agullas e da la para consolidarse como un exemplo de participación comunitaria e transmisión de saberes entre xeracións.
A exposición percorre estes dez anos de historia a través das pezas elaboradas polas propias participantes, permitindo ao público descubrir a evolución dun proxecto que medrou ao tempo que fortalecía os vínculos sociais e fomentaba a igualdade no ámbito rural.
O acto estivo acompañado pola actuación das Escolas Municipais de Música, que puxeron a nota musical a unha inauguración que tamén serviu para recoñecer o compromiso e a constancia dun grupo de mulleres que mantivo viva esta iniciativa ao longo da última década.
Tras a apertura da mostra, os asistentes puideron continuar a xornada cultural coa actuación de Pesdelán, que presentou o espectáculo «Foliada Asalto» na mesma Praza do Toural.
A programación continuará este venres coa representación de «Quimera», da compañía Pablo Méndez Performances, prevista para as 22.30 horas, completando unha proposta cultural que nace arredor da exposición e que busca converter este espazo nun punto de encontro para a veciñanza durante os próximos días.
A iniciativa enmárcase nas accións de promoción da igualdade impulsadas polo Concello da Veiga, co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e o financiamento do Fondo Social Europeo Plus (FSE+), reafirmando o compromiso institucional coa igualdade de oportunidades e o desenvolvemento social no rural.
Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado