Foxo: «Grande éxito na Veiga para o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas»

A área recreativa do Coiñedo reuniu a 300 gaiteiros de toda Galicia nun evento que homenaxeou a Dorinda Pérez Rodríguez

«Grande éxito da segunda parte do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas celebrado na Veiga esta fin de semana», así de contundente valoraba José Luis Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, unha cita que converteu a contorna da Praia do Coiñedo nun auténtico auditorio para a música tradicional.

A segunda fase do XVI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas celebrouse por primeira vez no concello da Veiga e congregou a dez formacións chegadas das provincias da Coruña, Lugo e Ourense, cun total de 300 gaiteiros e gaiteiras. O evento estivo conducido pola xornalista Montse Estévez e serviu tamén como homenaxe á memoria de Dorinda Pérez Rodríguez (1921–2023).

Real Banda da Deputación de Ourense

«Foi un evento fermoso a carón da praia, onde participaron 300 gaiteiros», engadía Foxo, visiblemente satisfeito co resultado da convocatoria. A presenza da Real Banda da Deputación de Ourense, como anfitrioa e motor da iniciativa, sumou brillantez a unha xornada que mesturou o amor pola tradición co desexo de futuro.

Segundo explicou o director da Real, esta primeira edición na Veiga deixa un excelente sabor de boca e abre a porta a unha continuidade: «Pretende ter continuidade no futuro dado o éxito acadado». De feito, o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, xa recolleu o testemuño para que a próxima edición se celebre no cumio da Cabeza de Manzaneda, mantendo así o espírito itinerante do certame.

Coa forza da gaita e o compromiso pola nosa cultura, o Certame Celtibérico continúa a ser un dos encontros de referencia para as bandas tradicionais, renovando cada ano a súa conexión coas raíces máis fondas de Galicia.