Crianza Trevinca pon en valor o potencial gandeiro e agroalimentario da montaña ourensá

A cita, que abriu esta mañá as súas portas, reivindica o valor do rural galego cun fin de semana cheo de demostracións, música, catas e produtos artesáns da terra

A Veiga volve a converterse este fin de semana no epicentro do mundo rural coa celebración da quinta edición da feira agroalimentaria «Crianza Trevinca», organizada polo Concello da Veiga co apoio do Inorde e da Xunta de Galicia. O evento abriu esta mañá as súas portas cun programa que combina exhibicións gandeiras, degustacións, catas e actividades para todos os públicos, poñendo en valor o potencial económico e social do sector primario na montaña ourensá.

Na presentación oficial, o alcalde da Veiga, Juan Anta, estivo acompañado por numerosas autoridades, entre elas o presidente do Inorde, Rosendo Fernández; a directora xeral de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez Rivera, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader); o presidente da Asociación Empresarial de Valdeorras, Carlos Terán; e os rexedores e rexeidoras de O Barco, O Bolo, Larouco e Vilariño de Conso, entre outros representantes institucionais.

Durante a súa intervención, Rosendo Fernández salientou o valor desta feira como espazo para «recuperar a tradición do rural e poñer en valor as nosas raíces agro-gandeiras», e definiuna como unha «feira 3.0 que une tradición e modernidade». Pola súa banda, Paz Rodríguez destacou que «feiras como esta demostran o orgullo pola nosa identidade e o potencial do rural galego», subliñando o compromiso da Xunta «co apoio ás explotacións familiares, á innovación e á incorporación de mozos e mozas ao sector».

Asistentes á apertura de Crianza Trevinca

O alcalde da Veiga, Juan Anta, quixo agradecer o esforzo de todas as persoas que fan posible a celebración da feira, lembrando tamén o traballo dos gandeiros durante os difíciles episodios de incendios deste verán. «Os gandeiros son a alma deste concello e grazas a eles conservamos as nosas tradicións», afirmou, destacando que «Crianza Trevinca existe para lembrar de onde vimos e mirar ao futuro con esperanza».

 

Despois dos discursos inaugurais a Banda de Gaitas do Concello da Veiga interpretou o imno galego facendo tocar a gaita, a flauta e as pandeiretas. Ao remate da música, percorrido polo recinto feiral e coma non paseo pola carpa onde estaban os postos dos produtores locais aos que a comitiva se rendeu aos sabores.

Rosendo Fernández catando o queixo á callena de Montañas de Trevinca

Un programa cheo de vida rural

Durante a xornada do sábado celebráronse exhibicións de cans de pastoreo, catas de viños e queixos Cumbres de Trevinca, demostracións agroforestais e unha degustación de tenreira ecolóxica da Veiga. Pola tarde, o público puido gozar coa elaboración tradicional de augardente, charlas sobre aproveitamento agrícola con arandos, demostracións de GPS e valado virtual, degustacións con castañas e setas e exhibicións de maquinaria agrícola e equina. A xornada rematou cun concerto de Xisco Feijoo na Praza do Toural.

O domingo continuarán as actividades con exhibicións de equitación de traballo, concursos tradicionais, catas de viño con mel «Montañas de Trevinca», e unha ampla mostra de gado ovino, caprino, vacún e razas autóctonas de Galicia, ademais de produtores locais que ofrecen mel, embutidos, queixos, marmeladas e outros produtos da horta.

Con esta quinta edición, «Crianza Trevinca» consolídase como unha cita de referencia no calendario agroalimentario galego, un espazo onde tradición, innovación e identidade se dan a man para reivindicar o valor do rural e das súas xentes.

Elas son as que se encargan de poñer en orde para que todo funcione