O Concello de A Veiga fomenta a apicultura a través dun novidoso proxecto
O Concello de A Viega levará a cabo unha Convocatoria Pública informativa e explicativa o vindeiro 4 de marzo no salón de plenos do concello ás 18.00 horas. A finalidade é dar a coñecer o novidoso proxecto que está xa en marcha e que pretende fomentar a apicultura ao longo de todo o concello.
É a primeira vez que en Galicia se leva a cabo un proxecto como este dende unha administración pública. O obxectivo consiste en aportar todas as facilidades necesarias (infraestruturas, axudas económicas, aprendizaxe, etc.) para que todo aquel que queira dedicarse á apicultura non se encontre con ningunha traba.
O alcalde de A Veiga, Juan Anta, explicaba que " é un proxecto tan novidoso como esperanzador e complexo". Dende o concello, contratarán a unha persoa experta na materia para formar a todos os veciños que o requiran durante uns oito ou dez meses, ademais de impartir cursos periódicos intensivos durante algúns fins de semana para que, segundo o rexidor "a xente que xa sabe mellore, e a que non sabe se inicie no mundo da apicultura"
A obra do Centro Apícola de Prada xa rematou fai apenas un mes e xa se creou, tamén, a infraestrutura necesaria, tanto para o mel como para os seus derivados, que estará ao servizo dos veciños. Pero, ademais, A Veiga creará unha marca adherida a un rexistro sanitario co fin de seguir facilitando o traballo neste sector. Crearase, incluso, un regulamento específico para garantir a calidade do mel. "Queremos que o mel teña unhas determinadas condicións e unhas determinadas características e que iso vaia unido á marca", explica Juan Anta.
Outra vantaxe que ofrece o concello é a subvención da compra de materiais que se utilicen co fin de tratar o mel e o negocio da apicultura. "Cubrimos todo o proceso de elaboración para facilitarlle aos veciños que se dediquen a este sector", sinala o alcalde.
Na reunión, que terá lugar o vindeiro mes, aportarase información sobre o funcionamento do Centro Apícola de Prada e tratarase a creación da Marca Comercial, que amparará os produtos da mel e os seus derivados. Falarase, ademais, da comercialización do produto e das subvencións aos apicultores.