O Centro de Saude da Veiga recibe 7000 euros da Xunta para a súa reforma
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o alcalde do concello da Veiga, Juan Anta Rodríguez, asinaron un convenio de colaboración no que se establecen as bases para a reforma do centro de saúde do concello, que suporá un investimento de 7.000 euros, cofinanciados a partes iguais entre as dúas administracións. A directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, tamén estivo presente no acto.
O convenio asinado ten por obxecto acometer unha serie de actuacións de acondicionamento e mellora do centro de saúde que pasan pola instalación dun equipo de aire acondicionado no edificio.
No centro sanitario non se dispuxo instalación de climatización e, na actualidade, conta con termoacumuladores eléctricos para a calefacción do espazo interior. En consecuencia, faise preciso unha instalación de aire acondicionado que permita o uso do edificio nunhas adecuadas condicións de confort para os seus usuarios, tanto nos meses de verán como nos de inverno.
O investimento por parte da Consellería de Sanidade para mellorar este centro de saúde de titularidade municipal, enmárcase no obxectivo de modernizar e mellorar as infraestruturas e o equipamento sanitario de alta tecnoloxía e facer os centros sanitarios enerxicamente máis eficientes, promovendo a economía circular e o respecto ao medio ambiente, previsto no Plan estratéxico de Galicia 2022-2030.