sábado. 20.04.2024

O alcalde mantivo unha reunión co conselleiro de Medio Rural para abordar proxectos que xeneren rendibilidade no municipio

O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse co alcalde de A Veiga, Juan Anta, para analizar posibles proxectos de mobilización de terras co fin de xerar actividade económica rendible no munipico.

Na xuntanza de traballo tamén estiveron presentes os directores xerais de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto; de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan; de Gandeiría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros e de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, O obxectivo foi analizar as demandas e necesidades deste concello ourensán no que atinxe ás infraestruturas rurais e á actividade agrogandeira da zona.



Juan Anta solicitoulle á Consellería poder formar parte do Plan de pastos en extensivo que promove Medio Rural para fomentar a ordenación e posta en valor deste aproveitamento á vez que se mellora a loita contra os incendios forestais.

Tanto o alcalde como o propio conselleiro entenden que o labor dos gandeiros é esencial para o futuro do rural galego, dado que son dinamizadores da economía rural e xogan un papel fundamental para a prevención de incendios e para o coidado da natureza.

Plantación de fabas lobas na Veiga

O conselleiro falou do Plan de pastos que realizará a Xunta e indicou que o municipio da Veiga será un dos concellos seleccionados para ser incluido no citado plan que, ademais, permitirá dotar ás explotacións da contorna de máis base territorial e favorecer así a actividade agrogandeira de forma rendible desde o punto de vista económico.


O titular de Medio Rural reiterou que este plan contempla a análise da situación dos pastos, da estrutura e distribución do gando no monte e das necesidades en canto a terreos e infraestruturas co fin de levar a cabo unha regularización da actividade buscando conxugar os intereses de todos os implicados, fundamentalmente dos gandeiros e titulares dos terreos. Este plan de pastos iniciarase este ano e continuará cun importante esforzo orzamentario nos próximos anos.

Tarro de mel Montañas de Trevinca

Pola súa banda, o alcalde de A Veiga tamén trasladou a súa intención de recuperar o cultivo da «Faba Loba de Trevinca» e continuar co proxecto «Mel montañas de Trevinca», iniciativas que permiten loitar contra o abandono de terras e á vez diversificar as oportunidades de negocio na zona.

O conselleiro agradeceulle ao rexedor municipal a súa aposta pola dinamización territorial, buscando alternativas que favorezan a xeración de emprego e de riqueza no rural.

Se queres escoitar o que contou Juan Anta, alcalde da Veiga, no programa de Radio Valdeorras Onda Cero, fai clic na seguinte ligazón:

Produtiva reunión entre o conselleiro de Medio Rural e o alcalde da Veiga