A Veiga convoca unha praza de encargado do Centro Apícola de Prada

Hoxe abre o prazo da convocatoria para a contratación dun encargado para levar o funcionamento do Centro Apícola de Prada: o centro de extracción, envasado e almacenamento de produtos primarios que o Concello de A Veiga pon a disposición daquelas explotacións apícolas non profesionais que non dispoñan da maquinaria precisa para a posterior manipulación do produto.

O Concello segue apostando polo fomento da apicultura no termo municipal de A Veiga, considerándoo o punto de partida para o desenvolvemento do territorio.

Entre as funcións do posto encóntranse a de encargarse da formación, obradoiros prácticos e asesoramento nos asentamentos apícolas adheridos ao centro; deseñar o regulamento de réxime interno para o uso das instalacións e a organización e atención dos procesos de extracción, envasado e almacenamento; organizar as campañas de promoción, etiquetaxe, envasado e venda de produtos apícolas e atender aos usuarios e visitantes que se acheguen ao Centro Apícola de Prada. “Buscamos a unha persoa experimentada con coñecementos na materia e que nos permita asesorar aos apicultores individualmente e ser a persoa que rexente o centro”, explica o alcalde de A Veiga, Juan Anta.

Os interesados nesta vacante deberán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello de A Veiga, sito na Praza do Concello número 1, con horario de atención de luns a venres de 9:00 a 15:00 horas.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 10 días naturais contados dende o día seguinte de ser publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

As condicións, requisitos e valoración dos aspirantes están recollidas nas bases da convocatoria, que se poderán solicitar no Concello de A Veiga.