viernes. 19.04.2024

Baixo o título Paisaxes de montaña e actividades económicas o municipio da Veiga acollerá dos días 26 ao 28 de outubro, un seminario para analizar as actividades económicas que se poden desenvolver nas paisaxes de montaña sen comprometer os seus valores e calidades. Así o apuntan dende a Deputación de Ourense, lugar onde hoxe mércores día 3 de outubro tivo lugar a súa presentación, acto que contou ca presenza do alcalde da Veiga, Juan Anta, ademáis do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, e o coordinador do seminario e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Valerià Paül.

Partindo do análise das posibilidades económicas que poden desenvolverse nas paisaxes de montaña, dende a Deputación destacan que o obxectivo é «sacar rendibilidade aos recursos naturais do municipio» sempre respectando os seus valores naturais. Para elo, a xornada estudará experiencias que poidan ser de utilidade para A Veiga e detectará ademáis oportunidades relacionadas coa xestión da paisaxe para futuros emprendedores, buscando sensibilizar ao sector empresarial na cuestión paisaxística.

Entre as actividades que se realizarán no seminario, os asistentes poderán escoitar a expertos na materia, disfrutar de visitas ao campo para observar sobre o terreo as cuestións tratadas, e haberá tamén unha parte de debate e obradoiro, co fin de facer propostas futuras que redunden na dinamización do rural en base á paisaxe.

O Concello da Veiga pola súa banda, concederá este ano un premio ao mellor proxecto empresarial que xurda no seminario e que se pretenda desenvolver neste municipio. Coa Fundación Juana de Vega coma apoio, das propostas que xurdan ao longo do seminario farase unha selección para que vaian á primeira fase dun programa de emprendemento que desenvolve esta fundación. En caso de que o proxecto pasase á segunda fase, o Concello da Veiga sufragaría os gastos de inscrición e desprazamento da persoa premiada para a realización da fase II do programa, coa condición de que esa iniciativa empresarial se implante na Veiga en 2019.

Tódalas persoas interesadas na materia que queiran realizar o curso, poderán matricularse ata o día 23 de outubro a través da páxina web da Fundación Juana de Vega (www.juanadevega.org). Neste senso, o alcalde da Veiga dixo que «xa hai persoas que están matriculadas, incluso xente do municipio está interesada no curso para emprender na Veiga».

O coordinador do Seminario destacou que esta cuarta edición vén a continuar «cunha serie establecida que está a funcionar moi ben e que cada ano trata de ofrecer unha perspectiva distinta». Así, o primeiro ano centrouse especificamente nas montañas de Trevinca, na segunda edición foi sobre turismo e na terceira sobre a cultura e a paisaxe».

Cartel anunciador do seminario

A Veiga aposta pola súa riqueza paisaxística