A Veiga: a maxia do Nadal
Antes de cruzar a ponte do Xares, a entrada á Veiga xa murmura promesas de maxia. As letras iluminadas polas campás que dan nome ao pobo brillan coas cores do Nadal, anticipando o asombro que se agarda máis adiante. As farolas adornadas con ramas navideñas conducen os pasos ata unha grande estrela, que, coma un faro, sinala o corazón deste recuncho único.
Ao outro lado, un cobertizo garda unha sorpresa: unha fiadora de liño traballa, mentres aos seus pés un meniño repousa tranquilo. Os Reis Magos tamén están alí, gardando un segredo que se irá revelando ao longo do percorrido.
Na rotonda, un carro tirado por bois comparte espazo con cervos, coma se os camiños do rural se mesturaran cos contos das renas de Papá Noel. A rúa que leva ao colexio está engalanada con badaladas de madeira e calcetíns vermellos, cada un levando o nome dun pequecho do pobo. Ao fondo, unha escena que mestura tradición e natureza: un cazador cos xabaríns, máis cervos, e fachadas salpicadas de ramallos verdes.
Os veciños contribúen con ilusión e creatividade. Amalia, Enrique e Pepito engalanaron a rúa Chao de Curra cun apalpador xigante, un nomo e ata un paxaro. Xa prometen que para o ano que vén non faltarán a muller do apalpador e o seu meniño.
No barrio da Pateira, Rosi e Manolo recrearon un forno tradicional con figuras de madeira a tamaño natural. Non falta detalle: o forneiro, a balanza, o escano do pan, e mesmo unha muller barrendo o chan cunha vasoira. É como entrar nunha postal do pasado, cunha calor que só pode traer o Nadal.
Ao chegar ao concello, o espectáculo culmina. Árbores de Nadal decorados con bolas feitas polos maiores da residencia e polos nenos do colexio. Un Belén onde as ovelliñas pasean arredor de San Xosé, a mula e o boi. Os Reis Magos, como explica Manoli, van achegándose pouco a pouco seguindo a estrela.
“Todos os camiños levan ao Belén”, comenta Manoli, chea de orgullo. Cada barrio preparou decoracións que simbolizan este camiño: estrelas, velas, caldeiros, todos dirixidos ao corazón da praza. É o espírito da xente, a ilusión compartida e o traballo desinteresado, o que fai que a Veiga sexa un pobo máxico, un exemplo do que pode nacer cando a comunidade se une por un propósito común.
O percorrido remata no barrio do Campo, onde a gardería dos meniños está rodeada de nomos con chapeus feitos de follas. Máis adiante, na praza, outro Belén con figuriñas de madeira. O paseo pecha diante da casa das mulleres rurais, cuxa porta está engalanada cunha árbore de Nadal de ganchillo, unha obra de arte que reflicte o traballo e a paixón.
E despois de ver as decoracións polas rúas e prazas do concello unha «merendola», matinal organizada polas mulleres de A Veida, aínda que o reloso non chegaba a unha do mediodía. Alí reuníronse todos os veciños para comentar o «bonita que estaba A Veiga».
A Veiga é, sen dúbida, un Nadal máxico. Unha celebración que, camiñando de barrio en barrio, amosa o que é posible cando o espírito do Nadal impregna cada recuncho dun pobo.