«Hai que perderlle ó medo ó xadrez, é divertido e para calquera»
O xadrez vive a súa particular primavera na comarca de Valdeorras, un pouco tímida de momento, pero dando pasos firmes. Un deles é a celebración do I Aberto Internacional que mañá sábado xuntará na Rúa a máis de corenta axedrecistas, algúns deles con títulos de Gran Mestre. Esta moda polo xadrez ten moito que ver coa chegada á comarca de Sergio Guerrero, quen comezou dando clases e acabou implicando ó seu alumnado na creación do Clube de Xadrez Valdeorras. Un deles é o rués Marcos Fernández, quen se implicou na organización do torneo que se celebra na Rúa Doutor Vila. As 12.00 haberá partidas libres para todo aquel que queira animarse a xogar e as 16.30 comezará o torneo oficial.
- Este é o primeiro torneo deste tipo que organiza o clube, que lles motivou?
A nosa principal motivacion é dar a coñecer o xadrez na comarca, xa que somos uns amantes deste xogo e gustarianos que mais xente se interesase, especialmente nenos, xente nova e outros afeccionados da zona, que ó mellor levan tempo xogando pero cos que aínda non contactamos.
- Por qué na Rúa?
A maior parte dos fundadores do clube somos rueses e foi o primeiro sitio no que pensamos. Ademais tivemos moitas facilidades dende o Concello.
- Que expectativas teñen de participación?
Xa hai case corenta inscritos federados e agardamos algunhas inscripcións de última hora. Tendo en conta que é o primeiro ano que o facemos e que coincide con outros eventos similares, parécenos un éxito. Tamén estamos moi contentos polo gran nivel dos participantes, cun Gran Mestre, un Mestre FIDE e varios candidatos a Mestres e Expertos Nacionais. Isto convírteo nun torneo de nivel estatal o que é un luxo para os seguidores do xadrez e para toda a comarca.
- Que atractivos teñen estes torneos para os asistentes?
Ademais dos premios en metálico, é unha forma de xogar fora da tempada de Liga, que rematou en maio. É ademais un xeito de viaxar e coñecer a comarca, xa que ven xente de toda Galicia e de fóra, como un búlgaro e un cubano que competirán. En moitos casos ademais, son nenos que veñen acompañados das súas familias e que aproveitan para pasar o día ou a fin de semana en Valdeorras.
- E para o público?
Para o público en xeral é unha posibilidade de achegarse a un deporte tan bonito e beneficioso coma o xadrez e, quen sabe, se espertar o interese para practicalo no futuro... Nós estariamos encantados de contar con máis membros no clube de calquera idade e nivel!
- O clube leva pouco competindo, como foi a tempada?
Pódese dicir que ben. Empezamos a competir no ano 2016, en Terceira galega, e subimos a Segunda. Esta tempada foi de transición, con novas incorporacións, e ainda así quedamos nun cuarto lugar que nos dá esperanzas de poder subir a Primeira o ano próximo. A final de tempada competimos na Copa Galicia, cos mellores equipos do país, e quedamos nun honroso empate no quinto lugar. Tamén traballamos a canteira e fixemos un equipo B, que debutou este ano en terceira e quedou no medio da táboa.
- Pois sorte mañá...
Moitas grazas. Aproveito para animar a todo o mundo a que se pase pola Rúa a botar unha ollada e perderlle o medo a este xogo que, fundamentalmente, é moi divertido e calquera pode practicar. Ademais será moi agradable, ó aire libre e haberá varias mesas con partidas rápidas abertas pola mañá para todo aquel que se anime a probar... A ver se lles pica o gusaniño!
- Chegar e xogar?
Exacto, non hai que traer nada. Nós poñemos as mesas e os taboleiros, ademais poden vir como queiran que neste caso non fai falla equipamento deportivo (sorrí).