A Rúa tomada pola UME
A quen pase estes días pola Rúa pode sorprenderlle ver tanto movemento de vehículos pesados, uniformes e actividade pouco habitual para a vila valdeorresa. A explicación é sinxela, a UME —Unidade Militar de Emerxencias— está de prácticas por Valdeorras, e fixo base no pavillón do concello rués.
Segundo nos contou a alcaldesa, María González Albert, nun ton distendido: «Temos na Rúa a visitar a UME. Esta semana temos dous grupos traballando». «A verdade é que xa viñeron fai, creo que mes e medio. Estaban buscando un espazo para poder desenvolver prácticas dos traballos que fai a UME, que son basicamente relacionados cos incendios, con terremotos e demais», acarou.
Durante esta semana, uns 70 efectivos están a realizar prácticas de emerxencias, facendo base no pavillón polideportivo da Rúa, onde pernoctan. Tamén se moverán por distintas instalacións da contorna.
As de terremotos vanas a facer na cooperativa Virxe das Viñas. «O presidente, Carlos Aristegui, estivo moi disposto a cedernos o espazo para que podan desenvolver alí as súas prácticas», sinala a lacaldesa.
As de incendios, polo contrario, terán lugar en distintos puntos da comarca, e a UME desprazarase tamén a outros concellos como Manzaneda ou A Veiga. «A base témola aquí na Rúa, pero vanse mover non só pola comarca, senón pola contorna. Creo que van subir un día a Manzaneda, outro a Trives...».
E isto é só o comezo. Para a semana que vén espérase un despregamento aínda maior: «Esta semana son poucos en relación aos que virán. A semana que vén andan rondando as 200 persoas».
A presenza de tantos militares non pasa desapercibida entre os veciños, A Rúa está un pouco alterada, por tanto militar. «Dan color, chaman moito a atención. Traen moitos vehículos, e claro, canta bastante. Aínda por riba, con este tempo, que hoxe vai sol pero pola tarde parece que vai chover... pois hai xente que mira, claro que si».