A Rúa foi este sábado a capital galega do campo a través

Boa xornada para o Adas: Emilio Pérez gañou en Máster masculino 35-40 e Iria Fernández foi segunda en feminino

A Rúa acolleu este sábado dous importantes campionatos de campo a través. Por unha banda, os atletas das categoría máster participaron desde as 10:15 ata as 11.30 horas sobre o circuito do Aguillón. As categorías base Sub10, Sub12 e Sub14, pola súa banda, fixérono no Memorial Alejandro Lorenzo.

Emilio Pérez Garoba, do club Adas Cupa, foi o primeiro clasificado en Máster masculina M35-M40, ao completar os algo máis de cinco quilómetros nun tempo de 16:32. Nesta modalidade, o Adas foi segundo por equipos.

Na categoría feminina, Iria Fernandez Fontenla, tamén do Adas, foi segunda. A súa actuación xunto coa de Martina Tasende Andrade e Elena Ledo López deixaron como vencedor por equipos ao club barquense en W35-W40.

En Máster masculina M45 +, Alejandro Pesado Fernández, Akka Essaadaoui, Abel Barros González, José Carlos Ferreira González e Ricardo Vázquez Vaamonde foron terceiro, cuarto, sexto e sétimo, polo que, xunto con Jose Manuel García Pérez e Jesús Fernández Fernández, o Adas gañou por equipos.

O Adas foi segundo na clasificación sub-10 feminina, na que competían Adriana Rodríguez, Valentina Barreda, Antía Rodríguez, Antía Fernández, Antía Guntiñas e Alicia Dopico. Na masculina, o club barquense foi terceiro.