A rúa Doutor Vila estrea a súa peonalización

A intervención abarcou 3.147 metros cadrados localizados, concretamente, nas rúas Doutor Vila, Silveira, Benito Fernández e Miguel de Cervantes

As obras da primeira fase de acondicionamento do barrio da Estación, na Rúa, remataron. A rúa Doutor Vila, centro neurálxico da vila, viuse totalmente remodelada. Conta cunha zona peonil, novas luminarias e xardineiras. A maiores, a intervención abarcou Silveira, Benito Fernández e Miguel de Cervantes: un total de 3.147 metros.

Esta actuación de acondicionamento efectuouse dentro do Plan Hurbe. Recordar que este é un programa impulsado polo Goberno Galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida dos veciños.

conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez; a alcaldesa da Rúa, María González Albert; e o tenente de alcalde, Luís Gudiña, visitaron as obras xa rematadas este tres de xullo. 

Realizouse unha inversión total de 484.000 euros coa que se renovaron as infraestruturas de saneamento soterrado, alumeado público, instalación da rede de gas natural, renovación do pavimento e a humanización destas rúas primando o tránsito peonil.

Os vehículos, con motivo da peonalización, xa non teñen acceso a Doutor Vila dende a rúa do Progreso. En cambio, si que se pode acceder a esta emblemática zona dende Miguel de Cervantes. 

Claudia Sánchez-Lagarejo, proxectista e directora de obra, deu os detalles desta mellora. «Queremos tener más zona verde, utilizarla más como peatonal», explicaba.

A alcaldesa da Rúa aproveitaba o momento entre risas comentando que: «Estamos moi contentos de esta primeira fase, pero xa veño coa segunda e a terceira». Albert quixo recalcar a perda de afluencia que sufriu a Doutor Vila co paso dos anos e espera «darlle un valor e teña unha resposta a vida da Rúa». 

Pola súa banda, a conselleira amosábase sorprendida polo «precioso» que se atopa o espazo. «Agora os veciños poden desfrutar dela tranquilamente», explicaba Martínez, mentres concluía que este era un «dos obxectivos que temos dentro do Plan Hurbe».