A petanca consolídase como parte das festas de verán na Rúa
A petanca converteuse, por segundo ano consecutivo, nun dos atractivos das festas de verán na Rúa. Este sábado 2 de agosto, dende primeira hora da mañá, as bolas comezaron a rodar no campo de xogo coa celebración do II Torneo de Petanca, organizado polo Club de Petanca A Rúa.
A competición contou coa participación de 16 tripletas, formadas por xogadores dos clubs do Barco e da Rúa. As partidas disputáronse nas oito pistas habilitadas para a ocasión: cinco no campo principal e outras tres nun camiño anexo.
Tras unha mañá intensa de xogo, os participantes fixeron unha pausa para xantar, antes de retomar o torneo ás 16:00 horas. A tarde estivo marcada por un sol implacable, pero tamén pola emoción dos encontros, que se prolongaron ata as 20:00 horas, momento no que tivo lugar a final, moi igualada e seguida con grande expectación polo público asistente.
A entrega de premios contou coa presenza de Vicente Solarat, concelleiro de Cultura, e do presidente do Club de Petanca da Rúa. O primeiro premio foi para a tripleta formada por Martín, Manuel e Fran; o segundo recaeu en Raúl, Manolo e Manuel; mentres que o terceiro foi para Luis, Rogelio e Dario. O premio de consolación foi para o equipo de Pedro, Patricio e Manolo.
Máis alá da competición, o ambiente foi de celebración e amizade. Os dous clubs, malia a rivalidade na pista, amosaron unha vez máis que fóra dela son como unha gran familia, facendo da petanca un deporte que une e enriquece a vida social da vila.