A música de Carmela e o patrimonio vitivinícola protagonizan a segunda cita de “Entre Covas” na Rúa
A segunda parada do Festival de Artes e Enoturismo “Entre Covas”, promovido pola Ruta do Viño de Valdeorras e Turismo de Galicia, celebrouse con éxito de público na tarde deste venres entre os barrios de covas da Coroa e As Pinguelas, no concello da Rúa. A actividade volveu esgotar prazas, cun aforo completo de cincuenta persoas que puideron vivir unha experiencia que mestura música, patrimonio e viño nun entorno natural e cultural único.
A xornada comezou cun recibimento na Adega Melillas, onde se ofreceu un viño de cortesía e unha visita á cova acompañada por Sonia Prada, unha das propietarias. Os participantes puideron conversar directamente coa adegueira, coñecer o espazo e establecer unha conexión persoal coa xente que lidera os proxectos vitivinícolas da comarca.
Tras esta primeira parada, o grupo desprazouse ata As Pinguelas, onde, tras un breve paseo, accedeu á cova da adega Joaquín Rebolledo, escenario do concerto do trío Carmela, composto por Carme López, Sara Méndez e Camille Hedouin. A súa proposta musical combina tradición oral galega recollida por mulleres con sonoridades contemporáneas como a música electrónica e os saxofóns, dando lugar a un concerto íntimo e emotivo que tivo que incluír varios bises ante a boa acollida do público. Logo do concerto, as artistas compartiron petiscos e conversacións cos asistentes, xerando un ambiente cálido e familiar.
A terceira e última parada tivo lugar na cova da adega Alain de Val, onde Joaquín Sánchez, un dos propietarios, e a enóloga Cecilia Fernández presentaron o proxecto e dirixiron a cata. Nesta ocasión, os asistentes puideron degustar seis referencias de viño, entre elas de adegas como Joaquín Rebolledo, Melillas, Alain de Val, Sampaiolo, Viñaredo e A Coroa. A cata tivo lugar tanto dentro como fóra da cova, permitindo comparar elaboracións e comentar coas persoas responsables dos viños.
Joaquín explicou que a adega e a coba foron adquiridas polo seu bisavó en 1928, pero, ao non chegar a pagalas completamente, foi o seu avó quen finalmente asumiu o pagamento e formalizou a propiedade, rexistrándoa. Como curiosidade, este documento histórico atópase hoxe pendurado nunha parede da adega.
Tamén contou que, antigamente, o viño se traía en carros polo regato ata a adega, onde se elaboraba en enormes cubas. Alí permanecía ata o verán, momento no que se trasladaba á coba para a súa conservación. Segundo explicou, tratábase dun proceso moi sostible, pois non se empregaba nin auga nin electricidade. A coba, escavada directamente na terra, accédese por un gran arco de pedra. Nun dos seus nichos consérvase o que Joaquín denominou un "cemiterio de añadas", onde repousan botellas de colleitas antigas de Alan de Val.
A xornada rematou con petiscos elaborados polo complexo hostaleiro Paladium, conversas e iluminación especial que deron ao espazo un aire máxico e acolledor. A organización destacou a satisfacción pola acollida do público, que incluíu persoas da comarca, visitantes da Coruña e mesmo asistentes chegados desde Irlanda ou a Ribeira Sacra.
A seguinte e última cita de “Entre Covas” será o venres 22 de agosto en Vilanova, no Barco de Valdeorras, nos exteriores das Bodegas Blare, coa actuación da compañía de danza de Fran Sieira, que presentará o seu espectáculo “CEIBE”. Para ese evento, aínda quedan entradas dispoñibles.
O Festival “Entre Covas” está organizado pola Ruta do Viño de Valdeorras co apoio da Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, cunha clara aposta pola posta en valor do patrimonio enoturístico, cultural e natural da comarca.