Multitude de regantes na reunión convocada polo Concello de A Rúa

Fai uns días o Concello de A Rúa facía un chamamento a todos os regantes de Vilela e A Rúa Vella para que se achegasen á xuntanza que se celebrou a tarde do 20 de marzo ás 19.00 horas con gran afluencia de xente. O obxectivo, segundo explicaba a alcaldesa, María Albert, era intentar dar saída a situación de abandono na que se atopan as canles de rego da vila, que son xestionadas polas Comunidades de Regantes do barrio Somoza e a da Rúa Vella - Vilela, que carecen de directiva e de estatuto, o cal afecta ao estado e mantemento destas canles, das que se ten que facer cargo o propio concello.

A rexedora manifestou a súa intención de que esta xuntanza servira para que os regantes que utilizan este servizo se puxesen de acordo entre eles e constituísen a súa comunidade, coa súa respectiva directiva, para poder xestionar as súas propias canles de rego.

Trala reunión, Albert insistiu en que "non se resolve todo nun día" e afirmou que a xuntanza só foi unha primeira toma de contacto que "funcionou ben". Agora, concello e regantes traballan na posta ó día dos antigos estatutos e en estudar cómo están as cousas para poder modificar todo o necesario para retomar estas comunidades, cuxo traballo é "básico e fundamental", segundo a alcaldesa.

María Albert sinalou que a organización das Comunidades de Regantes non é responsabilidade do concello, pero que hai boa vontade por parte de todos para axudarse mutuamente.

En breve convocarase outra reunión para falar dos estatutos e avanzar na constitución desta asociación.