Manuel Rodríguez Rodil, o pan da memoria

A Festa do Codillo renderá homenaxe a Panadería Tabal, símbolo dun oficio transmitido durante xeracións e unha vida enteira amasando tradición

Manuel Rodríguez Rodil será a persoa homenaxeada na vindeira edición da Festa do Codillo, un recoñecemento sentido a toda unha vida dedicada ao oficio de panadeiro, unha profesión que no seu caso é tamén herdanza familiar. Antes ca el, xa o seu avó e o seu pai amasaban pan cada madrugada, convertendo un traballo duro nun legado que atravesa xeracións.

O inconfundible arrecendo a pan recentemente feito impregna cada mañá a rúa Progreso, onde se atopa a panadería, moi preto da Casa do Concello, no que hoxe é A Rúa e que antes formaba parte da parroquia de Fontei. É un olor que anuncia o día no pobo, un sinal inequívoco de que a vida comeza cedo ao redor do forno.

Manuel e a súa dona Rosa, os dous traballan no negocio familiar

Cando ía entrar, dúas mulleres saían coa compra feita: barras de pan e unhas magdalenas recén forneadas. O arrecendo invita a entrar no pequeno despacho, xusto detrás do cal se atopa o forno. Alí está Manuel, xa a primeira hora da mañá, pesando a masa para facer as fogazas, cun ritmo constante que non perde durante toda a conversa. Apenas ten que quitar ou engadir masa para axustar o peso. É un xesto automático, aprendido a base de repetilo durante toda unha vida.

A súa dona, Rosa, acompáñao no día a día. Ademais de facer os doces, despacha a mercadoría, entra e sae do forno buscando unha rosca, unha empanada, as magdalenas… Todo flúe con naturalidade, como quen leva décadas compartindo traballo, tempo e oficio.

 

Mentres falamos, o forno de leña permanece como testemuña silenciosa da conversa. Un forno que leva funcionando desde 1878 e no que Manuel segue facendo o pan coa mesma receita que lle deixaron os seus. «Agora os panadeiros pesan con máquinas. Eu coñecín un que pesaba cunha lata de tomate, que era medio quilo», lembra entre risas, mentres as mans seguen traballando a masa.

Para Manuel, este recoñecemento ten un significado especial. «Moita gratitude a todos os que se acordaron de min e da miña familia. Estou moi emocionado e con moitos recordos», confesa. A homenaxe, ademais, non leva o seu nome, senón o da panadería, Panadería Tabal. «Non pon o meu nome, pon panadería Tabal. Pero con esta homenaxe represento a todos eles», di, pensando no seu pai e no seu avó.

Sacando a masa da amasadora

Do seu avó apenas garda lembranzas: morreu novo. Pero sabe que xa había un forno no solar, nunha pequena caseta de madeira, moito antes da Guerra Civil. Foi o seu pai quen fixo a casa e consolidou o forno. Manuel naceu alí mesmo. «Eu nacín aquí, sempre vin traballar isto: repartindo pan, apañando leña…», conta. Marchou un tempo, estivo en Barcelona, pero a morriña puido máis. «Tiroume máis isto», recoñece.

O oficio non é doado. El mesmo defíneo sen rodeos: «É duro, é escravo». Madruga todos os días para que a xente teña o pan quente. «Levántome ás sete menos cuarto, porque a xente quere o pan quente», explica. Aínda así, asegura que lle deu moitas satisfaccións, sobre todo cando a xente lle di que non hai pan tan rico como o seu ou que as súas empanadas son únicas. No forno de leña, explica, o pan sae mellor: «É coma de barro, a leña é moi boa para facer o pan». Sen présas, sen química, só a receita de sempre: auga, sal e fariña.

Pesando a masa para facer as fogazas

As anécdotas acumúlanse ao longo dos anos: empanadas trocadas, cabritos confundidos nas festas, xamóns esquecidos no forno… Historias pequenas que falan dunha vida enteira ao servizo da comunidade, dun forno que foi tamén punto de encontro e memoria compartida.

Mirando cara ao futuro, Manuel desexa algo sinxelo: «Que a xente recorde que era boa xente, traballadora, e pola calidade do pan». E así será. Porque entre o calor do forno e o arrecendo do pan recén feito, Manuel Rodríguez Rodil segue facendo cada día o que sempre fixo: traballar coas mans e coa memoria.

O sábado no Centro Cultural Avenida, non só se recoñecerá un oficio, senón unha maneira de entender a vida, amasada a lume lento como o facían os seus. Esta homenaxe non é só a un oficio, senón a unha forma de entender o pobo, as tradicións e o paso do tempo, amasados amodo, como o bo pan.