Luis Gudiña: "O obxectivo primordial é o tema da auga"
Trala renuncia da xa ex alcaldesa de A Rúa, María González Albert, e en base ao pacto de goberno BNG-PSOE, o ata agora tenente alcalde, Luís Fernández Gudiña pasa a ser o novo alcalde de A Rúa. Será este sábado ás 12.00 horas cando se celebre o pleno de toma de posesión. Por iso, Somos Comarca estivo con Luís Gudiña facendo balance destes dous anos e fixando novos obxectivos para os dous seguintes.
SOMOS COMARCA: ¿Qué balance fai destes dous anos de lexislatura de María González Albert?
LUÍS GUDIÑA: Foron dous anos nos que, ao principio da lexislatura nos fixamos uns obxectivos e un plan de traballo que se foi levando a cabo e fóronse conseguindo cousas. Foron uns anos de traballo intenso do grupo de goberno, un traballo que foi moi satisfactorio e que esperamos que continúe nesta mesma liña. Isto é un punto e seguido dunha liñas que están trazadas dende fai uns anos. O que queremos é chegar ao final da lexislatura cumprindo ao máximo posible o que nos marcamos naquel momento.
SC: Nunha recente entrevista, María González Albert destacou como grandes logros o PXOM, a obra da auga de Vilela, o ascensor do Centro de Saúde, a actividade cultural e, sobre todo, o intento de abrir o concello á poboación. ¿Está de acordo en destacar estes feitos?¿Destacaría algún outro?
LG: Loxicamente é innegable que ese foi o traballo que se fixo. Cando nós chegamos ao quipo de goberno, o noso obxectivo principal era abrirlle o concello á xente. Así como tamén se sacou adiante o tema da auga de Vilela, que ata ese momento estaba nunha situación comprometida con graves problemas, e como ela tamén ben dixo, púxose en valor a posibilidade de abrir o concello ás redes sociais para que os veciños e veciñas puidesen estar máis en contacto co concello e o concello con eles. Eses son obxectivos que marcaramos nun principio e obxectivos cos que vamos a seguir.
SC: Dicías que esta lexislatura é un punto e seguido, será unha lexislatura continuista, pero ¿cáles son os principais obxectivos agora e as principais preocupacións?
LG: Dende logo un dos nosos principais obxectivos é o Centro de Saúde, polo que levamos moitos anos loitando. Os principais problemas de carácter legal estanse solucionando e comezaremos agora a sacalo adiante, ben sexa un novo ou convertendo algún dos edificios que temos no concello. Outro dos grandes obxectivos que nos marcamos é a Nacional 120. Ata agora dicíannos que o problema era que non había presuposto e que era moi difícil destinar cartos para este enlace. O proxecto construtivo está feito, tamén houbo nos últimos anos asignación presupuestaria, os presupostos esperamos que se aproben nuns días, así que esperamos que non haxa problemas para incidir na construción dese enlace.
SC: A ex alcaldesa deixou tamén algúns frontes abertos como son fixar as prioridades de un concello que ela mesma calificou de hipertrofiado, e por outra banda, combater o problema de auga e seca que tedes en A Rúa.
LG: Hai un tema puntual que se agravou durante estes últimos meses, debido ao inverno seco que tivemos, que agora estamos empezando a sufrir problemas de abastecemento de auga. Estamos traballando nun plan de choque para que isto non chegue a ocorrer. De momento non se producen ningún tipo de restricións, máis que aquelas de carácter xeral. Intentaremos, a través deste plan de choque, que iso non ocorra. É o primeiro obxectivo que temos encima da mesa e no que nos vamos a centrar nos próximos días.
SC: Nesta nova lexislatura quedan tamén pendentes temas como a ordenanza de terrazas.
LG: A ordenanza de terrazas está tamén sobre a mesa, levamos traballando con ela bastante tempo e está practicamente rematada. Posiblemente nos vindeiros meses a sacaremos adiante.
SC: ¿Cal é o tema primordial do que vos ocuparedes primeiro?
LG: O tema da auga, que é fundamental neste momento. É no que estamos a traballar.
SC: ¿Cáles son os principais cambios con respecto ao goberno de Albert?
LG: A lexislatura dura catro anos e estamos agora nun momento de cambio de responsabilidades en canto á dirección de equipo de goberno, pero o equipo de goberno segue sendo o mesmo, polo tanto traballaremos exactamente igual, ou con máis ilusión si é posible nos anos vindeiros para sacar adiante estes e outros temas que temos pendentes na carteira. Seguiremos na liña de traballo e de solucionar os problemas que nos van xurdindo, baseándonos na transparencia e abrindo o concello aos veciños para que saiban que estamos a disposición deles no que necesiten.
SC: Moitas grazas e moita sorte nesta nova etapa.