A Rúa brinda pola súa historia e polo viño na BacoFesta

Fran Nogueira, pregoeiro: «A BacoFesta é o momento perfecto do ano no que recordaremos quen somos e o pobo tan particular  que temos»

Na Rúa, agosto non entende de descanso, e menos cando chega unha das datas máis queridas polo pobo: a BacoFesta. Este venres 8 de agosto arrancou a décima edición desta cita que rende homenaxe ao viño de Valdeorras e á pegada romana que deixou séculos atrás a súa impronta no val.

A celebración comezou no escenario máis simbólico posible: a Ponte da Cigarrosa. A metade da estrutura de orixe romano cfoi o punto de encontro histórico e festivo. Pola parte de Petín, chegaron as romanas encabezadas pola súa alcaldesa, Raquel María Bautista.

 

Dende A Rúa, os romanos e castrexos guiados pola rexedora local, María González Albert. O momento central produciuse cando a alcaldesa ruesa entregou a Bautista un disco de prata que simboliza a credencial do vicario de Roma, repetindo un ritual que xa é marca da festa.

Incorpóranse a festa romana os Castrexos 

A comitiva, na que tamén se atopaban o pregoeiro Fran Nogueira, o presidente de AEVA, Carlos Terán e o presidente da D.O. Valdeorras, Marcos Prada, acompañados por membros da corporación municipal, avanzou ata o recinto feiral no Aguillón.

A comitiva a piques de entrar no recinto feiral

Un pregón con corazón e humor

Xa no recinto, a alcaldesa da Rúa deu a benvida a veciños e visitantes, lembrando que a BacoFesta é algo máis que viño: é artesanía, música, actividades e encontro social. Agradeceu a colaboración de Petín, destacou as novidades das casetas e animou a gozar dun fin de semana «sen auga, con moita calor, para beber moito viño e desfrutar en compañía».

Acompañado no escenario polas alcaldesas da Rúa e Petín e a concelleira do PSOE Ana Vizcaya

A continuación, tomou a palabra Fran Nogueira, actor, presentador e orgulloso rués, que fixo un pregón cargado de humor, emoción e identidade local. 

Comezou cunhas palabras en latín pondo así en contexto o pasado romano da comarca e do pobo Guigurro que nela habitaba: «Omnis incolae Valdeorras, hodie adsum, salvete Cigurros». Que se traducida sería: «Todos os habitantes de Valdeorras, hoxe estou presente, saúdos, Cigurros».

Declarouse «orgulloso de ser este ano o pregoeiro da BacoFesta» e confesou que leva dez anos sen faltar á cita —os mesmos que se leva facendo—, «namorado desta festa que é un alarde de expresividade hedonista e reflexo do carácter único do noso pobo».

Definiu A Rúa como «un lugar onde o absurdo se converte en cotián, e o cotián mestúrase co sublime» e asegurou que «non seríamos quen somos sen os nosos viños, que son un reflexo de que aquí as cousas fanse doutra maneira».

Asegurou que é «un pobo conectado á vida, á alegría e á festa». Insistindo no seu namoramento pola súa terra.: «Este é un lugar no que o día normal convértese núa obra de teatro marabillosa, no que calquera momento tómase nun marabilloso delirio de alegría».

Ímpeto na súa voz e no xesto ao recordar as palabras do seu avó

Agradeceu á súa vila e á súa xente «todo o que son», lembrando ao seu avó, Manolo “O Torero”, antes de rematar cun chamamento: «Rueses, tolexade, toca festexar de alegría, beber, bailar... ¡Viva A Rúa! ¡Viva a súa xente! ¡Viva a BacoFesta!»

Brinde e autoridades

O acto inaugural rematou cun brinde no que participaron, ademais das alcaldesas da Rúa e Petín e do pregoeiro, a deputada especial por Valdeorras Maria del Carmen González, a alcaldesa de Larouco Patricia Lamela, a concelleira de Turismo e Comercio do Barco Alba Rodríguez e o xogador de baloncesto e fillo predilecto da Rúa, Wayne Brabender.

Antes un brinde no escenario tras o pregón

Programa e protagonistas

A BacoFesta conta este ano coa participación das adegas Alan de Val, A Coroa, José Luís Arístegui, Roandi, Melillas e Fillos, Sampayolo, Joaquín Rebolledo, Deberna e Cova da Xabreira, así como coa adega convidada Alvaredos-Hobbs da D.O. Ribeira Sacra.

Zona das casetas das adegas no recinto da Bacofesta

O programa musical abriu o venres coa actuación de Noallkansas, seguiu o sábado cos Smoking Stones e pechará o domingo coa Noite Guigurra. Un cartel que combina o sabor do viño cos ritmos máis festivos para unha fin de semana que promete ser inesquecible.

Divertida imaxe do mago antes de comezar o espectáculo

Co viño como fío condutor, a tradición como raíz e o humor e a amizade como aliadas, a BacoFesta chega á súa décima edición confirmando o que xa se sabe en Valdeorras: hai festas que se beben, e esta, ademais, queda na memoria.