viernes. 19.04.2024

A procesión non volveu a saír este ano e tampouco as mozas cas cestas cheas de roscas e doces

Cada 13 de xuño na parroquia de Fontei (A Rúa) celébrase San Antonio de Padua, o santo das roscas casamenteiras. Este ano igual que o pasado o santo non saíu polas rúas cargadas de historia. Hai que remontarse ao 2019 no que si houbo procesión que, o mesmo que en anos anteriores, saíu polo lateral da igrexa e pasou por diante da «Capela do Santo» ou de San Andrés, moi festexado noutros tempos na localidade.



Tampouco este ano Elvira puido cumprir coa tradición de botarlle ao santo os pétalos de rosas ao paso por diante da súa casa. O que si houbo foi ofrendas e as roscas e doces coma os amendoados, bendicíronse durante a misa —di a tradición que quen come a rosca casamenteira casa na seguinte festa—.

A homilía comezou á unha do mediodía, un intenso calor de tormenta fixo que a saída o vermú ou calquera outro refrixerio se fixese imprescindible na praza de Enriqueta Casanova. O son dunha charanga animou un pouco a festa a falla das grandes orquestras que anos atrás se contrataban para a ocasión. Non faltou nas casas, coma na de Enrique que foi o que nos facilitou as imaxes o cabrito, roscón, flan ou macedonia como noutras ocasións e noutros festexos.



O pasado ano celebrouse con mascarillas e distancia social xa que a fase 3, na que naquel intre se atopaba a localidade prohibía a celebración de actos de culto no exterior e tamén na vía pública, así que San Antonio quedou, o mesmo que este ano no interior da igrexa. A ver si para o ano que ven todo volve a normalidade e a música da banda e orquestras volve soar no San Antonio de Fontei.


Vídeo e fotos cedidas

Fontei celebrou a San Antonio con misa e charanga