Educación e Deputación invisten 632.000 euros en centros educativos da provincia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, asinaron hoxe o protocolo de colaboración para a coordinación da programación de obras de conservación, mantemento de mellora dos centros públicos de educación infantil, educación primaria e educación especial da provincia de Ourense. No acto estivo tamén presente a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.

Ao longo deste ano levaramse a cabo un total de 53 actuacións en 42 centros escolares da provincia, entre os que se encontran varios das comarcas de Valdeorras e Trives. O total destas actuacións suporán un investimento total de 632.000 euros.

Trala sinatura do protocolo, o conselleiro Román Rodríguez subliñou que este  acordo xa consolidado -posto que é o terceiro ano que se leva a cabo- "é un exemplo de coordinación e cooperación interadministrativa a prol da optimización dos recursos públicos, xa que se evitan duplicidades e se axilizan os trámites e as actuacións a levar a cabo".

Os centros valdeorreses e triveses beneficiados polas obras que desenvolverá a Consellería son: o CEIP Otero Pedrayo de O Barco, o CEIP Manuel Bermúdez Couso da Pobra de Trives, e o CEIP Eduardo Ávila Bustillo de A Veiga.

Pola súa banda, os centros beneficiados pola actuación de Deputación son: o CEIP Otero Pedrayo de O Barco, o CEIP Manuel Bermúdez Couso da Pobra de Trives, e o CEIP Eduardo Ávila Bustillo de A Veiga, o CEIP Manuel Respino de A Rúa e o CEIP Xosé Manuel Folla Respino, de Vilamartín.