Destrozan dous bancos na zona do Aguillón da Rúa
O vandalismo volveu deixar a súa pegada na Rúa. Dous bancos apareceron destrozados na zona do Aguillón esta fin de semana, concretamente na contorna das piscinas e do parque infantil, un espazo moi utilizado por veciñanza e familias, especialmente durante os meses de bo tempo.
Este novo acto vandálico prodúcese nun momento no que o Concello está a realizar distintas actuacións de acondicionamento nesta área deportiva e lúdica. Hai apenas uns días remataban os traballos de arranxo do firme que dá acceso á zona, mellorando a seguridade e a comodidade para as persoas usuarias.
E non só o firme, tal e como explicaba a alcaldesa da Rúa, María González Albert, o pasado mércores no espazo semanal de Radio Valdeorras Onda Cero, tamén se está a estudar a mellora das canchas deportivas. Ademais, nas vindeiras semanas está previsto licitar unha actuación financiada a través dunha liña de axudas para a mellora de instalacións deportivas, destinada á renovación das pistas de tenis, unha infraestrutura que leva anos xerando problemas e que o Concello confía en substituír por unhas pistas máis duradeiras e funcionais.
Sobre os danos rexistrados, a rexedora lamentou esta mañá a falta de conciencia dalgunhas persoas: «Non se dan conta de que isto págamolo todos os veciños e o que se gasta en reparar e repoñer pode supoñer que non se poidan facer outras cousas».
Non é a primeira vez que se producen feitos deste tipo no municipio. No pasado mes de novembro xa se rexistraran danos semellantes nun dos parques biosaludables da localidade. A alcaldesa aclarou que non se trata dun fenómeno xeneralizado, pero si reiterado por un pequeno grupo: «Non é que haxa moita xente que vandalice o mobiliario público, pero hai alguén que o fai con relativa frecuencia».
González Albert atribuíu daquela parte do problema a unha falta de conciencia colectiva: «Moita xente non interpreta o público como propiedade colectiva. Pensan que non é deles». Tamén quixo romper co estereotipo de que sempre son persoas novas as responsables: «Moitas veces bótaselles a culpa a rapaces e rapazas novos e non sempre son eles».
Desde o Concello insístese na importancia do civismo e do coidado dos espazos comúns, lembrando que cada acto vandálico non só deteriora a imaxe do municipio, senón que tamén resta recursos para seguir mellorando servizos e infraestruturas que benefician a toda a veciñanza.