O Club de Petanca A Rúa conquista o torneo das Festas de Verán nunha edición marcada pola alta participación

Pedro, Manolo e Patricio lograron o primeiro posto nun campionato que reuniu a 48 xogadores de A Rúa, O Barco e Petín e confirmou o crecemento deste deporte na comarca

O Club de Petanca A Rúa proclamouse vencedor do III Torneo de Petanca das Festas de Verán, celebrado este sábado, nunha edición que volveu destacar tanto pola participación de xogadores como polo numeroso público que seguiu a competición ao longo de toda a xornada.

A tripla formada por Pedro, Manolo e Patricio, do club anfitrión, alzouse co triunfo na clasificación xeral tras unha intensa competición na que participaron 48 xogadores, distribuídos en 16 tripletas, procedentes dos clubs da Rúa, O Barco e Petín.

O segundo posto foi para Franky, Néstor e Régis, do Club de Petanca Petín, mentres que a terceira posición recaeu na tripla integrada por Gabriel, Vicente e Lourdes, do Club de Petanca O Barco. Na categoría de consolación, o primeiro premio foi para Gelo, Carlos e Juan, tamén do Club de Petanca Petín

Pero máis alá dos resultados, o torneo volveu confirmar o gran momento que vive este deporte en Valdeorras. O ambiente nas pistas da Rúa estivo marcado pola elevada participación e pola presenza de numerosos afeccionados que acompañaron aos xogadores durante toda a competición.

Un crecemento que non é casual. Tal e como explicaba antes do inicio do torneo Luis Rodríguez, integrante do Club de Petanca A Rúa, hai apenas uns anos os xogadores da Rúa tiñan que desprazarse ao Barco porque era o único municipio da comarca que contaba cun club.

«Os da Rúa xogabamos no Barco porque era o único club que había. Despois conseguín que o Concello se implicara e se fixeran as pistas aquí e, a partir de aí, a xente empezou a facerse socia», relataba.

Aquel primeiro paso acabou impulsando tamén a creación do club de Petín e contribuíu a que a petanca deixase de ser unha afección minoritaria para consolidarse como un deporte con cada vez máis practicantes na comarca.

Na actualidade, o Club de Petanca A Rúa conta con 58 socios, unha cifra que, segundo Rodríguez, reflicte a consolidación da entidade. «Ao principio chegamos a ser 75, pero os que quedaron son os que realmente gozan deste deporte e practicamente veñen xogar todos os días», explicaba.

A competición, que comezou ás 9.00 horas, desenvolveuse mediante eliminatorias ata a entrega de premios e estivo acompañada dunha comida de convivencia na que participaron arredor de 70 persoas entre xogadores e familiares.

Porque, como destaca o propio Luis Rodríguez, na petanca «a competición importa, pero a convivencia tamén forma parte do torneo». Un espírito que quedou patente unha vez máis nunha edición que confirma que este deporte continúa gañando seguidores en Valdeorras.