Choros, cánticos e moita retranca no Enterro da Sardiña da Rúa
A parroquia de Santo Estevo da Rúa viviu un dos momentos máis emocionantes e, por que non dicilo, máis retranqueiros do Entroido. O atrio da igrexa estaba ateigado de xente disposta a darlle o último adeus á finada sardiña, que, por designios do destino —e da tradición—, debía ser soterrada con honras e moito drama.
As viúvas, vestidas de loito rigoroso e con pano en man, choraban a desgana e amodo, porque sabían que, aínda que a sardiña se vai, o viño e os bocadillos estaban a piques de chegar. E entre pranto e bágoas de crocodilo, os cregos presentes e mesmo o señor bispo entoaron un cántico solemne e algo gamberro: «A sardiña xa morreu, e ímola soterrar, sete ducias de rueses, un crego e un sacristán. Todos choramos por ela, polo entroido que se vai, esperamos para o ano volvelo a troular».
Tras o derradeiro responsorio, a sardiña saíu a ombros, como boa finada de respecto, dentro do seu cadaleito decorado con flores. A procesión avanzou polas rúas da parroquia con máis choros, algún que outro berro de dor —que ben podía ser polo entroido ou pola resaca— e moita retranca.
O destino final? A Praza de César Conti, onde o pobre peixe pasou do velorio á fogueira en menos do que canta un galo. Entre as chamas, os asistentes entoaban con paixón: «Tú serás el bien de mi vida, tú serás el bien de mi alma, tú serás el pájaro pinto que alegre canta por la mañana».
Xunto a sardiña tamén ardeu o Lardeiro e a Lardeira que penduraron desde o Xoves de Compadres, el; e o Xoves de Comadres, ela, da farola situada no centro da praza. As mázcaras de cada un deles dicíao todo, unha era a de Trump.
E mentres a sardiña se convertía en cinza, chegou o momento máis esperado: a celebración! Porque de choros non se enche o bandullo, e o Concello, tan xeneroso el, puxo sobre a bocadillos de sardiñas, viño do bo e refrescos para os máis moderados. A propia alcaldesa, María González Albert, xunto á concelleira do PSOE, Ana Cebei, e o concelleiro do RUA, Vicente Solarat, encargáronse de servir e brindar coa veciñanza, demostrando que na Rúa, ata os políticos saben pasalo ben cando toca.
E así, entre trago e bocado, rematou o Enterro da Sardiña. Agora só queda agardar un ano enteiro para volver a chorar, e celebrar como Deus manda. Porque se algo ten o Entroido é que sempre volve, e nós, coma sempre, estaremos listos para darlle a benvida... e para volver enterrar o que faga falta!