«Cansadísimos, pero satisfeitos»: A Rúa pecha unhas festas que superaron as expectativas
As Festas de Verán da Rúa baixaron o pano cun balance moi positivo tanto pola resposta do público como polo desenvolvemento da programación. A alcaldesa, María González Albert, recoñeceu en Radio Valdeorras Onda Cero que o Concello remata estes días «cansadísimo, pero moi satisfeito» despois dun intenso traballo organizativo que se viu recompensado coa gran afluencia de persoas durante toda a fin de semana.
A rexedora destacou especialmente a xornada do domingo, que superou todas as expectativas.
«Sorprendeume moitísimo o domingo. Habitualmente é un día máis frouxo, pero tivemos moitísima afluencia de público, non só da Rúa e da comarca, senón tamén de comarcas veciñas», explicou, lembrando que a actuación do Grupo Arizona prolongouse ata ben entrada a madrugada.
María González Albert puxo en valor que as festas se desenvolveran practicamente sen incidencias, un aspecto que considera fundamental despois do importante dispositivo organizativo e de seguridade que require un evento destas características.
«Cando fas un traballo inxente e despois ves que todo sae ben, que non hai grandes incidencias e que a xente marcha contenta, a satisfacción é enorme», asegurou.
O Aguillón consolídase como recinto festivo
A alcaldesa tamén defendeu a aposta do Concello por trasladar as festas ao recinto do Aguillón, convencida de que o espazo ofrece mellores condicións tanto para a organización como para o desfrute do público.
«Este tipo de festa non ten cabida noutro lugar da Rúa. Temos un entorno que permite organizar moito mellor este tipo de eventos e que incluso esperta a envexa doutros concellos», afirmou.
Segundo explicou, a boa resposta do público e a repercusión acadada nas redes sociais confirman que a elección do novo espazo foi un acerto.
Sen tempo para descansar
Rematadas as Festas de Verán, o Concello xa traballa na seguinte programación cultural e festiva. Esta mesma fin de semana chegará unha nova edición de Sons da Estación, coa participación de artistas como Mela, Kike Varela, Kid Mount ou Nave Louro, mentres que o luns abrirase no Centro Cultural Avenida a exposición «Lumen», do fotoxornalista Brais Lorenzo, dedicada aos incendios forestais de 2025.
A programación continuará coa Mostra Internacional de Folclore, as actividades organizadas arredor da eclipse solar e as festas da Somoza, nun agosto que, como recoñece a propia alcaldesa, apenas deixa tempo para recuperar folgos.