Dispárase o número de comparsas na Bacofesta da Rúa

A terceira edición da Bacofesta de A Rúa –que se celebra os días 13, 14 e 15 de agosto– ten todo a favor para convertirse nun dos grandes eventos do verán na comarca. Ás boas previsións de tempo e ás tres xornadas de viño, xogos, gastronomía e música, súmase o entusiasmo co que os veciños recibiron a invitación do Concello para formar comparsas caracterizados de temática romana e desfilar ata o recinto feiral. Máis de cen persoas integran as catro comparsas inscritas, que contribuirán a que o ambiente no Aguillón sexa do máis imperial.

Aparte das coroas de loureiro, o protagonista desta festa será o viño. Trece adegas da DO Valdeorras estarán cos seus viños acompañando ó resto de propostas gastronómicas e lúdicas, como obradoiros de artesanía. Ademáis, o domingo e o luns entre as 12 e as 20 horas haberá xogos populares no antigo campo de fútbol e cada día, a partires das 23.00 horas concertos, ademáis de música en directo animando o recinto feiral pola tarde.

A alcaldesa da Rúa, María González, asegurou hoxe que no Concello están moi satisfeitos coa resposta á convocatoria de concurso de comparsas: «Para nós o máis importante é que a festa sexa un disfrute para os veciños e por iso investimos máis no concurso que en invitar grupos de fóra, como outros anos». Recordou ademáis que invitan a todos os visitantes a acudir caracterizados. En canto ó recinto feiral, González explicou que a recente tala das árbores do Aguillón e polo tanto, a falta de sombra, supliuse coa instalación de máis carpas. «As carpas están abertas polos laterais polo que corre brisa» aclarou a alcaldesa.

O evento inaugúrase mañá sábado ó mediodía co encontro dos rexidores de Petín e A Rúa na Ponte da Cigarrosa. O plan é que a comitiva camiñe despois ata o recinto feiral pola beira do Sil. Pero na edición do ano pasado, o alcalde de Petín, Miguel Bautista, cambiou a andaina por un desembarco chegando en barca ata o Aguillón. Por iso, a alcaldesa da Rúa asegurou que non descartan «novas sorpresas».

 

* Consulta o programa da Bacofesta AQUÍ.