As Xornadas de Folclore despídense desde Ribadavia ata o vindeiro ano
O castelo de Ribadavia, patrimonio artístico único, foi o escenario perfecto para despedir a música, cor, cantos e danzas das seis culturas diferentes, procedentes de catro continentes, que encheron as noites ourensás dunha riqueza excepcional durante dez días.
O grupo de Panamá foi o primeiro en subirse ao escenario, seguido de Senegal, Colombia, Taiwán, México e Serbia. Máis dunha hora de actuacións que serviron para deixar, se cabe, mellor sabor de boca dos ourensáns.
Os participantes nesta trixésima novena edición, entusiasmaron ao público cos seus vistosos espectáculos. O Barco, Bande, A Rúa, Celanova, O Barco, Manzaneda, O Carballiño, Trives, Allariz, Maceda, Viana do Bolo, Entrimo, Xinzo de Limia, Castro Caldelas, Verín e Ourense, xunto con Ribadavia, foron anfitrións perfectos para o folclore do mundo.
Este evento cultural, moi esperado polo público neste mes de agosto, estivo organizado pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.
As rúas e prazas da provincia enchéronse de historias recuperadas do folclore e da maxia do baile de todo o mundo. O Ballet Jammu de Senegal, o grupo de Panamá, Academia Andrés Valiente, Danzas y Proyecciones Folklóricas, o Yuan Yuan Dance Group de Taiwán, os mexicanos de Ballet Folk Instituto Tecnológico de Celaya, os serbios de Kud Srem e os compoñentes do grupo colombiano da Fundación Ballet Folclórico de Nobsa, foron os invitados.
Todas as persoas que conforman o elenco artístico manifestaron a súa "gratitude" ao público ourensán "pola excelente acollida" en cada unha das vilas, onde os longos aplausos foron o mellor agasallo recibido, e a organización "polo bo trato e a atención continuada".
Desfile na Praza Maior de Ourense
A Praza Maior de Ourense foi testemuña da penúltima actuación. Os seis grupos participantes nesta edición, amosaron o seu folclore polas rúas da cidade.
Os 170 compoñentes destes grupos que representaron a catro continentes, realizaron o tradicional desfile pola rúa do Paseo, partindo do Parque de San Lázaro.
Vistosos traxes tradicionais deixaron recrearse aos ourensáns no seu colorido ao ritmo das músicas, polas rúas da capital, para rematar na Praza Maior co mellor que podían facer, danzar.