O Teatro Principal presenta unha programación con drama, comedia, danza e música para o segundo semestre do ano

A oferta cultural desenvolverase entre setembro e decembro e incluirá citas consolidadas como o OUFF, o FITO, Voces Femininas e Nadal en Familia

O Teatro Principal da Deputación de Ourense presentou a programación cultural prevista para o segundo semestre de 2026, cunha oferta que se desenvolverá entre os meses de setembro e decembro e que combinará teatro, música, danza e propostas audiovisuais.

A programación foi dada a coñecer polo vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil; a vicerreitora do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, Montse Cruz; e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.

A nova tempada inclúe espectáculos de drama contemporáneo e clásico, comedia, producións alternativas e montaxes galegas de referencia. Entre as citas máis destacadas figuran o OUFF, o FITO, o ciclo Voces Femininas e Nadal en Familia, ademais da estrea da compañía ourensá Sarabela Teatro con «O sangue das promesas: Incendios» ou a representación do clásico galego «Memorias dun neno labrego».

Durante a presentación, César Fernández destacou o labor do equipo do Teatro Principal e definiu a programación como unha oferta «de calidade e para todos os públicos», ao tempo que reafirmou o compromiso da Deputación coa cultura como un servizo esencial para a cidadanía.

Pola súa banda, Jacobo Sutil puxo en valor o traballo do Teatro Principal na difusión cultural e salientou a diversidade temática e artística da programación, mentres que Montse Cruz defendeu a colaboración entre a Universidade e as institucións culturais para achegar estas propostas á sociedade.

A programación completa e a información sobre as representacións poden consultarse na páxina web do Teatro Principal.